Conferencias e unha viaxe a Tambo para afondar na pegada do Padre Sarmiento

12/09/2024

Comezan o venres, 13 cun relatorio do catedrático Marcelino Agís no Casal de Ferreirós ás 20:00 h e na mañá do sábado 14,realizarán unha viaxe a Tambo seguindo os pasos do relixioso pola illa.

A Asociación Irmandade Illa de Tambo, en colaboración co Concello de Poio, organiza os días 13 e 14 de setembro as Xornadas sobre Frei Martín Sarmiento, conmemorando o paso do erudito beneditino por Poio en setembro de 1745.

O alcalde, Ángel Moldes, acompañado da concelleira de Turismo, Rocío Cochón e membros da directiva da irmandade Illa de Tambo, presentou este mércores a programación destas Xornadas, que buscan afondar na relación entre o Concello de Poio e esta figura clave da ilustración en Galicia.

Frei Martín Sarmiento foi un dos precursores no estudo da lingua, historia e tradicións galegas, sendo recoñecido en 2002 coa dedicación do Día das Letras Galegas. Ademais, destacou como un dos principais estudosos europeos dos Humanidades e as Ciencias Naturais. En setembro de 1745, durante unha das súas viaxes a Galicia, visitou o Mosteiro de Poio antes de percorrer a marxe dereita da Ría de Pontevedra, por onde hoxe transcorre a variante xacobea que leva o seu nome. O 9 de setembro embarcou desde Combarro á Illa de Tambo, onde rexistrou no seu diario información valiosísima e moi detallada sobre a paisaxe e a vexetación.

As xornadas comezarán o venres, 13 de setembro, ás 20:00 horas no Casal de Ferreirós, cunha charla a cargo do Doutor en Filosofía Marcelino Agís, catedrático da Universidade de Santiago e autor de distintas publicacións sobre Sarmiento, entre as que destaca o último “O Padre Sarmiento viaxeiro”. A conferencia permitirá achegarnos á figura do frade como estudoso e viaxeiro, destacando a súa contribución á ciencia e á cultura popular galega.

As xornadas pecharanse cunha visita guiada á Illa de Tambo, a partir das 10:30 horas do sábado 14, durante a que se repasarán in situ as anotacións realizadas polo frade no seu diario de viaxe hai case 300 anos, cando rexistrou cuantiosa información sobre a toponimia, a botánica, a xeografía e as tradicións da zona. Ao rematar o percorrido, descubrirase un recordatorio conmemorando a visita de Sarmiento á Illa. A inscrición para esta viaxe está pechada, ao completarse o cupo diario de visitas á Illa.

Desde o Concello de Poio entenden estas xornadas como unha maneira inmellorable de homenaxear a figura do Padre Sarmiento, salientando o seu legado como un dos grandes estudosos e defensores da cultura galega ao tempo que se pon en valor “o inmenso papel na historia da Illa de Tambo, que cada vez temos máis motivos para reivindicar como un referente natural, cultural e de turismo sostible”.

“Onde se non podemos desfrutar dunha visita na que nos guiará ‘persoalmente’, mediante as súas anotacións persoais, por unha figura de tanta relevancia histórica como o Padre Sarmiento?”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio