Conclúe a mellora do firme e instalación das redes de saneamento, abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, Combarro

17/03/2025

Ángel Moldes comprobou o resultado dunha actuación que “dá resposta a unha reclamación histórica da veciñanza deste lugar, que levaba case dúas décadas esperando por unha solución”.

O Concello de Poio rematou as obras de rehabilitación do firme e das redes de saneamento, abastecemento e de pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro. Unha actuación que contou cun investimento de máis de 100.000 euros con cargo a fondos provinciais e municipais e que, segundo indica o alcalde, Ángel Moldes, “dá resposta a unha reclamación histórica da veciñanza deste lugar, que levaba case dúas décadas esperando por unha solución a un camiño municipal que estaba moi deteriorado, que se foi parcheando a longo de todos estes anos pero sin ofrecer unha medida definitiva para mellorar a mobilidade no lugar”.

Ademais, explica que non só se actuou en mellorar o pavimento, que incluíu a incorporación de dous resaltos para aminorar a velocidade, senón que finalmente se ampliou o proxecto inicial para, ademais de completar as redes de abastecemento e de pluviais, aproveitar esta actuación para substituír toda a tubaxe de saneamento.

Este é un camiño moi transitado polos veciños da zona, xa que comunica o centro de Combarro con Chancelas e o Xuviño. “Para o Goberno é prioritario actuar en camiños que levan anos abandonados”, explica Moldes. Así, afirma que o deterioro era demasiado importante para resolverse con parches e solucións moi a curto prazo, como se estivo facendo todo este tempo, e que acaban por xerar os mesmos problemas de socavóns que supoñen un perigo para a circulación.

As obras incluíron a apertura de gabias no pavimento existente, así como a demolición do firme actual, e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse. Tamén se dotou dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais e rede de abastecemento. Unha vez abertas as gabias, comprobouse que as tubaxes da rede de saneamento estaban moi deterioradas, polo que se decidiu ampliar o proxecto e repoñer todas as tubaxes de servizo. No que se refire á rehabilitación do asfalto, renovouse o firme mediante mestura bituminosa en quente, que mellora e integra toda a zona.

Nos últimos meses acometéronse actuacións en todas as parroquias que contaron cun investimento de máis de 850.000 euros, e que incluíron melloras nos camiños de Cachafeiro, Castaño, do Cemiterio, Outeiro de Fontenla, os ramais da rúa Sartal, Fonteiriñas, Souto, 3ª Travesía da Seara, Liñares, Coita, Paradela, Banda do Río, Retea e San Martiño.

Uns investimentos que, segundo indica Moldes, “son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía. Ofrecemos solucións a demandas para mellorar as rúas e espazos que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e que sofrían un deterioro tan grande que supoñen un risco elevado de accidentes”. Por iso, engade que “son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio