2023.
A concellería de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e a xefa territorial de Infraestruturas e Mobilidade, María Martínez, visitaron esta mañá o colexio de Chancelas, en Combarro, acompañados pola directora do CEIP e do responsable provincial da AXI, Manuel Juanatey, para comprobar sobre o terreo as diferentes alternativas que hai para evitar que o alumnado de infantil teña que coller o autobús de regreso ás súas casas na PO-308. Segundo explica a concelleira, esta é unha das prioridades do novo Goberno para garantir a máxima seguridade do alumnado de 3 a 5 anos do colexio, que teñen que desprazarse cen metros e baixar por unhas escaleiras para subir ao autobús na estrada xeral porque as dimensións do vehículo e o acceso da vía impiden que chegue ata o colexio. “Unha situación de risco, porque estamos falando de nenos moi pequenos para os que un despiste menor neste caso podería ser fatal”, advirte Sabarís.
Así, unha das propostas a analizar será proporcionar un microbús e cambiar a entrada e saída do alumnado máis pequeno do colexio para que accedan directamente polo Camiño da Escola (o centro escolar ten dúas entradas) e evitar así que teñan que desprazarse e, sobre todo, evitar situacións de risco.
Neste senso, a edil agradece a colaboración da Xunta neste tema e explica que levan en contacto permanente coa xefatura territorial de Infraestruturas e Mobilidade desde o inicio do curso escolar para solucionar os problemas que van xurdindo no transporte, e máis especificamente, para buscar unha solución a unha situación que non é nova pero si prioritaria este curso tanto para o novo Goberno como para a dirección do centro escolar.