A través do acordo asinado hoxe, abordarase unha intervención de conservación e mellora no estacionamento e viarios adxacentes, para reforzar o papel deste espazo como nó de conexión comercial e urbano, mellorar a experiencia de uso da cidadanía e optimizar a capacidade dos pavimentos
A Xunta e o Concello de Poio asinan o convenio para a mellora do estacionamento público na contorna da Ponte da Barca, que suporá un investimento total de preto de 230.000€. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto coa directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas, firmou co alcalde de Poio, Ángel Moldes, o acordo para a execución destes traballos ao abeiro do Plan Hurbe do Goberno galego.
A conselleira destacou esta colaboración para acondicionar e humanizar unha contorna “estratéxica” na contorna da Barca, e reforzar o papel deste espazo como nó de conexión comercial e urbano entre os concellos de Poio e Pontevedra. Allegue incidiu en que se trata dunha zona clave na mobilidade local, cunha elevada actividade comercial e de servizos, con presencia de tráfico rodado e peonil continuo, no que o estacionamento é utilizado a diario como aparcamento disuasorio por veciños e visitantes.
Pola súa banda, Ángel Moldes asegurou que «non vale de nada contar con centos de prazas de estacionamento se hai vehículos que permanecen aparcados durante unha semana enteira, porque iso, ao final, limita o uso real das zonas de aparcamento e prexudica á rotación necesaria para que todos poidamos facer uso delas».
Por iso, destacou que permitir incrementar o número de prazas e facilitar o acceso a máis usuarios vai ser clave: «Isto dará servizo non só ao centro comercial, senón tamén aos autónomos que traballan nel e a toda a veciñanza que fai vida na contorna da Barca: bancos, ximnasios, comercios, cafeterías, carnicerías… É unha medida fundamental para impulsar o desenvolvemento socioeconómico de todo o entorno e mellorar o día a día do noso concello».
Coas obras proxectadas melloraranse os viarios de acceso ao centro comercial e acondicionarase o aparcamento público. Así, rehabilitarase o firme, acondicionaranse as beirarrúas e eliminaranse as barreiras arquitectónicas, contribuíndo así a facilitar a mobilidade nun espazo tan frecuentado. Acadarase unha zona máis segura, accesible e visualmente homoxénea, garantindo a continuidade dos itinerarios peonís e de vehículos.