Ángel Moldes: «É unha boa nova para o concello, unha medida xusta e que vai beneficiar de xeito importante tanto na simplificación do proceso administrativo para poder desenvolver actividades na Praza da Chousa, como un aforro para as arcas municipais»
Concello de Poio e Portos de Galicia acordaron a proposta definitiva para a reversión ao Estado dos terreos declarados innecesarios para a actividade portuaria no porto de Combarro. En concreto, acordouse propoñer a devolución ao Estado da praza da Chousa e a zona axardinada na fronte marítima a fin de que a Administración Xeral poida transferila ao Concello de Poio, dado o seu uso veciñal, de carácter público, e non restrinxido á actividade portuaria. Este acordo supón o primeiro paso para que o Concello de Poio poida asumir a titularidade da Praza da Chousa, á espera do informe favorable do Estado.
O alcalde, Ángel Moldes, salienta que «é unha boa nova para o concello, unha medida xusta e que vai beneficiar de xeito importante tanto na simplificación do proceso administrativo para poder desenvolver actividades na Praza da Chousa, como un aforro para as arcas municipais». Así, explica que ata o de agora, cada vez que o Concello ou un colectivo organizaba unha actividade ou evento con ocupación na Praza da Chousa, ao trámite administrativo para pedir autorización e á espera do permiso, había que engadir o custe que supón abonar unha taxa polo uso e outra , variable, pola ocupación.