O servizo para executar estes traballos ascende a 47.000 euros e inclúe un vehículo motobomba, unha brigada, labores e tratamentos preventivos. Inician o proceso para seleccionar condutores de vehículo motobomba.
Concello de Poio e Consellería de Medio Rural colaboran para desenvolver accións na prevención e defensa contra os incendios forestais durante os próximos dous anos e conseguir, deste xeito, unha maior eficacia na loita contra estes sinistros a través da optimización no uso de todos os recursos dispoñibles.
A Xunta de Goberno Local aprobou este mediodía o convenio, que inclúe un vehículo motobomba, labores de vixilancia e defensa a través dunha brigada composta por cinco persoas e labores e tratamentos preventivos de xeito manual e mecanizado. Un servizo que conta cun investimento de 47.000 euros e que inclúe todos os elementos e recursos precisos, tanto material como humanos, para traballar tanto na prevención como na defensa.
A maiores, o Concello de Poio abre tamén o proceso selectivo de condutores de vehículo motobomba, e deste xeito xa se aprobaron as bases para constituír as bolsas de contratación. O prazo de presentación de solicitudes será de 10 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia, que será nos días próximos.
As persoas aspirantes presentarán a documentación preferentemente a través da Sede Electrónica do Concello de Poio, aínda que se admitirán as solicitudes presentadas tamén a través do rexistro xeral. O Concello de Poio contratará tres condutores durante tres meses. O proceso selectivo será a través do sistema concurso-oposición, no que se valorarán méritos e fará unha proba de esforzo. Os aspirantes deberán estar en posesión do carné de conducir B e C.