Impartiranse sete sesións gratuítas en todas as parroquias, nas que poden participar persoas maiores de 65 anos.
O Concello de Poio e a Garda Civil organizan varias sesións informativas, a través do programa Plan Maior Seguridade, para formar sobre a prevención de delitos entre as persoas de máis de 65 anos. O obxectivo é ofrecer recomendacións prácticas e sinxelas para previr delitos na rúa, no seu domicilio, no banco, nas súas viaxes ou incluso a través de internet, así como indicacións dos pasos que deben dar no caso de que consideren que son vítimas dun delito.
O programa, que está aberto á participación de todas as persoas maiores de 65 anos, comezará este luns, día 10 de marzo, na Casa Rosada (17.00 horas); o martes impartirase no local social de Campelo (17.30h); o xoves 13 no Espazo Municipal de Vilariño (18.30h); o venres 14 na Casa dos Guardeses, no Pazo Besada (10.00h); o martes 18, na aula da Reiboa (10.00h); o luns 24 no Espazo Municipal de Tarrío, en Samieira (10.00h); e, por último, o martes 25 no CC Xaime Illa, en Raxó (16.00h). Son sesións gratuítas, dunha hora de duración, para as que non é necesario inscribirse previamente.
Como exemplos, na rúa recomendan camiñar pola parte interior da beirarrúa e colocando o bolso cara o lado da parede. No domicilio, non abrir a porta ou o porteiro automáticos a persoas descoñecidas si non as espera e non facilitar datos persoais por teléfono. No banco, evitar sacar grandes cantidades de diñeiro ao mesmo tempo e ir acompañados de persoas de confianza ante xestións importantes. Ante unha viaxe, non aceptar maletas alleas e non falar abertamente dos plans ante descoñecidos evitando así que coñezan que van estar ausentes do seu domicilio.