Concello e Asociación de Veciños de Campelo colaboran para dar continuidade ao miradoiro de Camiño do Castro

27/04/2025

Ángel Moldes reuniuse coa veciñanza para consensuar o proxecto, que consiste en acondicionar unha senda e un segundo miradoiro.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse onte pola tarde con veciños do Camiño do Castro, en Campelo, para avanzar nunha colaboración entre o Concello e a asociación veciñal que permita dar continuidade ao miradoiro creado o ano pasado nese lugar, tras eliminar un punto de vertidos incontrolados. Esta segunda fase do proxecto inclúe a creación dun novo miradoiro e acondicionar unha senda que una ambos lugares.

A asociación de veciños de Campelo volveu recibir unha axuda do Plan Social de Ence coa que financia parte da execución do proxecto, mentres que Moldes comprometeu onte no encontro coa veciñanza que o Concello de Poio volverá colaborar con esta segunda fase para completar a actuación. Unha reunión que serviu tamén para consensuar e concretar os últimos aspectos antes da súa execución, prevista para as próximas semanas.

En setembro do ano pasado a Asociación de Veciños de Campelo, coa colaboración do Concello de Poio e de Ence, eliminou un punto de vertidos incontrolados en Camiño do Castro para convertelo nun miradoiro e lugar de encontro para a veciñanza, con banco de pedra, iluminación e varanda de seguridade. Unha primeira fase que terá a súa continuidade agora, coa adecuación dun camiño para convertelo nunha sendeiro que permita achegarse ata un segundo miradoiro cara a ría.

Ángel Moldes destacou a iniciativa dos veciños, que permite transformar a contorna de maneira sostible e poñendo en valor o lugar, con actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas que viven nestas zonas. Así, salientou que desde o ano pasado, o Miradoiro de Camiño do Castro tense convertido nun punto de encontro e de reunión para moitas das persoas maiores que viven nesta zona.

Por último, apostou por seguir colaborando para desenvolver proxectos consensuados cos veciños, “é importante que estas actuacións sexan participativas, dialogadas, porque eles mellor que ninguén coñecen cales son as principais necesidades de cada lugar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio