O curso é gratuíto, ten unha duración de 100 horas e impartirase na Casa Rosada a partir do 4 de novembro. As persoas interesadas en participar poden recibir máis información en orientacionlaboral@concellopoio.gal ou no teléfono 986 770 001 extensión 1502.
O Concello de Poio e a Fundación Acción Contra el Hambre organizan o curso Carnicería e Charcutería, co que se formará aos participantes en dúas ocupacións que contan cunha demanda laboral moi alta.
É gratuíto e ten unha duración de 100 horas, das que cincuenta son teóricas e as outras cincuenta, prácticas non laborais en empresa. As persoas interesadas en participar poden recibir máis información en orientacionlaboral@concellopoio.gal ou no teléfono 986 770 001 extensión 1502. O curso comezará o luns, 4 de novembro, e as prazas son limitadas. Está destinado para persoas en situación de desemprego.
Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, “é unha oportunidade moi importante e seria para ampliar coñecementos e formarse nunha profesión que actualmente conta cunha grande carencia no mercado laboral e, polo tanto, con altas probabilidades de atopar un traballo unha vez remate a formación”.
Este curso vén a completar a oferta de formacións que se están desenvolvendo desde Promoción Económica. Así, tamén esta semana comezaron dous cursos novos de alfabetización e competencias dixitais transversais na Aula da Reiboa, que contribúen a reducir a fenda dixital e favorece a empregabilidade. Nesta liña, González recorda que desde o Servizo de Orientación Laboral do Concello de Poio traballan para ofrecer aos usuarios “asesoramento, formación, cualificación e intermediación, poñendo a disposición dos veciños todas as ferramentas posibles para promover un emprego de proximidade e de calidade”.