Analizaron as afeccións que pode ter o acceso ao polígono desde a EP-0603, entre O Muíño e Campañó.
O Concello de Poio continúa avanzando no desenvolvemento do parque empresarial de Fragamoreira, e mantiveron nos últimos días unha reunión de traballo con Xestur -Xestión do Solo de Galicia- e a Deputación de Pontevedra para coordinar e valorar as posibles afeccións que poida ter o novo polígono sobre a estrada provincial EP-0603, entre O Muíño e Campañó.
No encontro, que se desenvolveu no Pazo Provincial coa asistencia do alcalde Ángel Moldes e da deputada provincial de Infraestruturas Públicas e Mobilidade, Belén Cachafeiro, destacaron que este parque empresarial é estratéxico para o Concello de Poio, pero tamén para toda a comarca, xa que está localizado nun lugar que o fai especialmente atractivo para o asentamento de empresas.
A EP-0603 será un dos accesos ao novo polígono, polo que Moldes valorou a importancia de comezar a coordinarse desde este momento entre todas as administracións que poidan estar afectadas para avanzar no desenvolvemento do parque e que, neste caso, asegurar que esa estrada estea en perfectas condicións para recibir un tráfico máis denso e pesado.
A Xunta está promovendo o parque empresarial de Fragamoreira, cunha superficie de 386.513 m², e que vai dar resposta á demanda de solo industrial que existe na comarca de Pontevedra. O parque empresarial de Fragamoreira está localizado nun lugar idóneo e estratéxico, ao carón da cidade de Pontevedra e con comunicacións ao porto de Marín, á autoestrada AP-9, Vilagarcía e á comarca do Salnés.