Ángel Moldes destaca que “estas actuacións son fundamentais por protección medioambiental, pero tamén porque do sector do mar viven centos de mariscadores, bateeiros e mariñeiros de Poio e, polo tanto, estas actuacións tamén repercutirán de xeito directo no seu futuro e no desenvolvemento socioeconómico do municipio”.
O Concello de Poio e Augas de Galicia investirán 4M€ para mellorar o saneamento na Seca e no porto de Campelo. O Goberno levará ao pleno ordinario deste mes o convenio de colaboración, que contempla a construción do novo bombeo e depósito de retención na Seca e mellorar a estación de bombeo de augas residuais do Porto de Campelo e Miradoiro. Ademais, contémplase tamén a adecuación do bombeo de Froiz para mellorar o seu funcionamento.
Este convenio ascende a 4,02M€, e distribuirase entre as anualidades 2025 e 2027. Desta cantidade, Augas de Galicia asumirá o 90%, mentres que o Concello de Poio farase cargo do 10% do investimento. Así no ano 2025, Augas de Galicia aportará 1,5M€ e o Concello de Poio, 63.519€; en 2026 1,8M€ e 269.561,41 euros respectivamente; e en 2027, 278.703,45 euros Augas de Galicia e 69.675,86 euros o Concello de Poio.
Esta actuación inclúese no Plan de Saneamento Local da Ría de Pontevedra, que abarca aos municipios de Poio, Marín e Pontevedra. No marco deste estudio identificáronse problemas como a intrusión de auga de mar, os alivios durante as choivas e a infiltración, e propuxéronse distintas solucións enfocadas a garantir un tratamento adecuado das augas residuais, contribuíndo así á protección do medio ambiente o desenvolvemento sostible da zona.
Para o Concello de Poio, sinala o alcalde, Ángel Moldes, a sinatura deste convenio é fundamental para avanzar no saneamento da ría. “Estes investimentos, aínda que non son tan visibles como outros, para este Goberno son prioritarios porque son fundamentais para protexer o noso medio”, asegura. Nesta liña, recorda que “estas actuacións son fundamentais por protección medioambiental, pero tamén porque do sector do mar viven centos de mariscadores, bateeiros e mariñeiros de Poio e, polo tanto, estas actuacións tamén repercutirán de xeito directo no seu futuro e no desenvolvemento socioeconómico do municipio”.