Contará cun investimento de preto de 80.000 euros da iniciativa privada. Ángel Moldes agradeceu a boa disposición para buscar un acordo beneficioso para todas as partes e que, ademais, vai solucionar un problema existente no lugar e que afecta a toda a comunidade.
O Concello de Poio vén de asinar un convenio de colaboración coa Inmobiliaria Club de Tenis Pontevedra SL e a promotora Zoe Home para executar as obras para mellorar o trazado e as redes de pluviais e saneamento na Caeira, un investimento que de preto de 80.000 euros a través da iniciativa privada e que vai repercutir, de xeito directo, en toda a comunidade.
A promotora Zoe Home está construíndo na actualidade 27 vivendas unifamiliares pareadas e adosadas nas rúas Illa de Ons e Illa de San Simón, en Boa Vista. Dentro desta promoción, tiña proxectado executar a conexión á rede de pluviais e saneamento mediante pozos de bombeo ata a rede existente na rúa Illa de Tambo. Unha rede que, na actualidade, está ao final da súa vida útil, provocando avarías e roturas e ocasionando problemas de inundación nas pistas de tenis e mesmo en vivendas, xa que parte da rede transcorre a través desta instalación e, incluso, os colectores están situados en parcelas privadas nas que, con posterioridade, se foron construíndo edificios e, por este motivo, non é posible ter acceso para realizar ningunha actuación.
Así, a través deste convenio entre tres partes, aproveitarán eses pozos de bombeo que xa tiña proxectados Zoe Home para anular os colectores actuais e, de paso, modificar tamén o trazado das redes de pluviais e saneamento para que transcorran polos viais públicos e non a través das vivendas, unha mellora que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, ofrecerá unha solución non só para as novas vivendas en construción, senón que ademais dará resposta a unha problemática existente en toda esta zona. Por iso, amosou o seu agradecemento pola disposición tanto da promotora como do Club de Tenis de Pontevedra para chegar a este acordo que, entende, é moi beneficioso para todos e que, no caso do Concello de Poio, será a custe cero.
O trazado das redes a executar iniciaríase na rúa Illa de San Simón, discorrería a través da parcela do club de tenis pola zona este, e realizaríase a conexión na rúa Valiña, entre os edificios 8 e 12. Neste caso, eliminaríase a servidume para o paso dos servizos a través do club de tenis polo centro das pistas, e trasladaríase a un dos extremos da parcela, evitando deste xeito, os problemas actuais de inundacións das zonas de xogo.
A través do convenio asinado, Zoe Home comprométese a financiar integramente a actuación, que ascende a preto de 80.000 euros, mentres que o Concello de Poio é quen se encargará de executar as obras. Pola súa banda, o Club de Tenis de Pontevedra comprométese a constituír esta nova servidume sobre os terreos afectados, cunha duración ilimitada no tempo.