Nas últimas semanas investíronse 120.000 euros nesta contorna para mellorar de xeito importante a mobilidade e seguridade en varios camiños municipais que contan cun tránsito moi importante, xa que dan acceso a Liñares e tamén a servizos turísticos.
O Concello de Poio rematou as obras de mellora do firme e ampliación do camiño de Paradela, un dos accesos á Praza de Liñares. Unhas actuacións que consistiron en rehabilitar o firme, que estaba nun estado importante de deterioro, con adoquinado de granito.
Con este investimento, complétase a batería de actuacións que se realizaron nos últimos meses na Praza de Liñares, onde se fixeron obras de humanización que permiten poñer en valor todo o lugar ao mesmo tempo que mellora a seguridade e os servizos da veciñanza, cunha nova superficie de empedrado, ampliando a capacidade da rede de pluviais e eliminando o pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza.
Ademais deste investimento no camiño de Paradela, nas últimas semanas tamén se mellorou o pavimento e a recollida de pluviais no camiño de Liñares. Entre estes dous proxectos investíronse preto de 120.000 euros para mellorar a mobilidade e seguridade de dúas vías municipais que contan cun tránsito moi importante, xa que son accesos a Liñares e a servizos turísticos.