Comezan os traballos arqueolóxicos para recuperar a base do cruceiro de Portosanto

07/11/2024

A través dunha colaboración entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, realizarase unha escavación arqueolóxica e posterior conservación na contorna da base da cruz exterior á Casa Museo de Colón. Investigadores que defenden a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón sinalan que na base do cruceiro estaría inscrita a frase “Juan Colón, Rº 1490”.

Esta mañá comezou a intervención arqueolóxica na base da cruz situada no exterior da Casa Museo de Colón, en Portosanto. Trátase dunha actuación realizada en colaboración entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia, que inclúe unha escavación con metodoloxía arqueolóxica na contorna da base da cruz exterior e limpeza posterior por parte dun conservador.

O alcalde, Ángel Moldes, que se desprazou ata o lugar para comprobar o inicio das tarefas, destacou que “hai moita expectación sobre o que esconde a base do cruceiro de Portosanto” xa que, como recorda, moitos investigadores que defenden a teoría da orixe galega de Cristóbal Colón sinalan que na base estaría inscrita a frase “Juan Colón, Rº 1490”. De feito, explica que incluso hai fotografías antigas, tomadas en 1917 polo arqueólogo Luis Gorostola, que confirman esta inscrición.

Precisamente, a presenza dos apelidos Colón e Fonterosa (apelido materno) nas terras de Pontevedra da época, xunto a toponimia galega empregada na xeografía do descubrimento e a linguaxe utilizada por Colón nos seus escritos, con abundantes xiros típicos do sur de Galicia, son os principais argumentos destas teorías.

A cruz de Portosanto está ao carón da Casa Museo de Cristóbal Colón, a casa natal do almirante na que, actualmente, tamén están facendo labores de mantemento e que reabrirá ao público nas vindeiras semanas. O cruceiro de Portosanto forma parte do Catálogo de Patrimonio Cultural de Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio