Marcial García sinala que son proxectos “que aínda que non requiren investimentos moi elevados, si teñen unha repercusión importante para mellorar a calidade de vida dos residentes nestas zonas”.
O Concello de Poio comezou as obras para renovar e mellorar o firme na 3ªTravesía da Seara, un camiño municipal moi deteriorado e no que urxe unha actuación que garanta a seguridade, poña en valor a contorna e mellore a recollida de pluviais.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou esta mañá o lugar para comprobar o avance das obras, adxudicadas á empresa Covsa, e que se prolongarán durante as próximas semanas. Os traballos contemplan a demolición do asfalto actual e adaptar a rasante, renovando o firme con formigón semipulido-raiado, reservando unha franxa no centro para adoquinado. Ademais, inclúese desbroce e limpeza da vexetación, colocación de tres sumidoiros para mellorar a recollida de auga e sinalización horizontal e vertical para garantir seguridade e ordenar o tráfico. “Unha actuación moi importante para a veciñanza e casas deste lugar, que levan anos soportando parches temporais que non ofrecen ningunha solución a longo prazo”.
Esta obra estase realizando con fondos provinciais, para dar resposta ás necesidades que existen desde hai moito tempo e ás que o Goberno local urxe ofrecer unha solución. “Proxectos que aínda que non requiren investimentos moi elevados, pero si teñen unha repercusión importante para mellorar a calidade de vida dos residentes nestas zonas”, explica.
Nos últimos meses o Concello de Poio executou melloras na mobilidade e nos servizos básicos de varios camiños municipais, entre outros, traballaron na rúa Costa de Arriba, en Combarro, Liñares, Paradela, Banda do Río ou San Martiño de Rial.
Uns investimentos que, segundo indica García, “son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía. Ofrecemos solucións a demandas para mellorar as rúas e espazos que levan anos sen arranxarse e que son unha prioridade para o noso Goberno”.