Comezan as obras para rehabilitar o firme nun dos ramais do camiño Banda do Río, en Poio

04/12/2024

Esta é unha das actuacións que se están executando nos camiños municipais, nas que o Concello de Poio está investindo preto de 300.000 euros para mellorar a seguridade e mobilidade.

O Concello de Poio comezou as obras para rehabilitar o firme nun dos ramais do camiño Banda do Río, en San Xoán, unhas actuacións que se estenderán ao longo dos vindeiros días e que permitirá renovar o pavimento dando resposta ao deterioro que presenta esta vía, debido principalmente ao desgaste producido pola circulación de vehículos e á erosión orixinada pola auga.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, desprazouse ata o lugar para comprobar o avance das actuacións, que inclúen fresado do tramo en dous puntos para manter a mesma rasante de terreo, limpeza do firme actual mediante barrido e, finalmente, aplicarase unha regadura de imprimación e establecerase unha nova capa de aglomerado en quente.

Esta é unha das actuacións que o Concello de Poio está executando nos camiños municipais, nos que nestes últimos dous meses do ano está investindo preto de 300.000 euros para mellorar a seguridade e mobilidade. Así, ademais do camiño de Banda do Río, tamén se están facendo traballos no camiño da Coita, e nos próximos días comezarán en Liñares, Paradela, Retea e Rabisa. Uns investimentos que, segundo indica García, “son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía. Ofrecemos solucións a demandas para mellorar as rúas e espazos que levan anos sen arranxarse e que son unha prioridade para o noso Goberno”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio