Conta cun investimento de preto de 66.000€ para actuar nunha estrada municipal que estaba moi deteriorada e permitirá mellorar servizos básicos para a cidadanía.
O Concello de Poio xa ten en marcha as obras para mellorar o firme e completar as redes de abastecemento e pluviais na rúa Costa de Arriba, en Combarro. Unha actuación que conta cun investimento de preto de 66.000 euros a través do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, desprazouse esta mañá ata o lugar para coordinar coa empresa adxudicataria, Construccións E.C.Casas a execución das obras.
Explica que van aproveitar a mellora do asfalto para ampliar e mellorar os servizos básicos para a veciñanza que reside no lugar. Así, as obras inclúen a apertura de gabias no pavimento existente, así como a demolición do firme actual, e adaptar a rasante ó paquete de firme que pretende acadarse. Tamén se dotará dun sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais e rede de abastecemento. No que se refire á rehabilitación do asfalto, preténdese realizar unha renovación do firme mediante mestura bituminosa en quente, que mellore e integre toda a zona.
O concelleiro asegura que para o Goberno actuar nesta vía municipal é algo prioritario, porque son obras se levan reclamando desde hai xa moitos anos. Así, afirma que o deterioro era demasiado importante para resolverse con parches e solucións moi a curto prazo, como se estivo facendo todo este tempo, e que acaban por xerar os mesmos problemas de socavóns que supoñen un perigo para a circulación.
Ademais desta actuación, ata finais de ano o Concello de Poio executará tamén melloras noutras estradas e camiños municipais, como por exemplo nos dous ramais da rúa Sartal, no camiño Fonteiriñas, do Souto, Outeiro ou na travesía de Poio de Arriba, entre outras. Nesta liña, García recorda que este ano reserváronse fondos provinciais para dar resposta “a todas esas actuación en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e que sofren un deterioro tan grande que supoñen un risco elevado de accidentes”. Por iso, sinala que “son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza”.