Forma parte dunha batería de actuacións que se están executando para mellorar a mobilidade e os servizos básicos en varios lugares do municipio.
O Concello de Poio xa comezou as obras para mellora o firme, dotar de sistema de drenaxe e completar a rede de pluviais no Camiño Fonteiriñas, no lugar de Casalvito. O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou as obras, que se están executando con fondos do plan +Provincia da Deputación de Pontevedra e permiten dar resposta “a todas esas actuacións en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e que sofren un deterioro tan grande que supoñen un risco elevado de accidentes”. Por iso, sinala que “son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza”. Neste caso, engade, permitirá solucionar un problema de filtracións de augas que os veciños levaban reclamando durante moitos anos.
O proxecto inclúe a apertura de gabias no pavimento existente, así como a demolición do firme actual e adaptar a rasante ao paquete de firme que pretende acadarse. En canto á rehabilitación do firme, contémplase a renovación mediante mestura bituminosa en quente.
Neste final de ano, o Concello de Poio está executando melloras na mobilidade e nos servizos básicos de varios camiños municipais. Así, tamén está executando obras no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, na rúa Costa de Arriba, en Combarro, Liñares, Paradela, Banda do Río ou San Martiño de Rial, entre outros.
Uns investimentos que, segundo indica García, “son fundamentais para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade para a cidadanía. Ofrecemos solucións a demandas para mellorar as rúas e espazos que levan anos sen arranxarse e que son unha prioridade para o noso Goberno”.