Marcial García explica que con esta actuación dáse resposta a unha reclamación que os veciños levan facendo desde hai anos: “Entre a auga e a falta de elementos de contención, o deterioro do firme e o peso dos coches, o camiño supoñía un perigo para vehículos e peóns”.
O Concello de Poio xa comezou as obras para executar un muro de contención e mellorar o firme no Camiño do Souto, en Combarro, unha actuación que, segundo explica o concelleiro de Obras de Servizos, Marcial García, “dá solución a anos de reclamacións dos veciños deste lugar, que denunciaban o estado de deterioro dun camiño que supoñía un risco evidente para a circulación”.
O proxecto, que se desenvolve con fondos do plan +Provincia da Deputación, inclúe a mellora do firme e escavación en desmonte, preparar o terreo en saneos e escavación mecánica de toxo para cimentación do muro de contención do vial. O Goberno negociou coa propiedade da parcela para poder facer ese muro de contención que evitará que a rúa continúe desfacéndose e, ao mesmo tempo, ampliar o vial cunha alineación a catro metros do eixe. Ademais, desbrozaranse as beiravías, limparase a vexetación existente e dotarase de sinalización horizontal e vertical para dotar de maior seguridade á zona.
“Era urxente e unha prioridade actuar neste lugar para evitar que o camiño se desfixese definitivamente. Entre a auga, a falta de elementos de contención, o deterioro do firme e o peso dos coches, a situación era preocupante”, engade.
O Camiño do Souto é unha vía moi transitada que une Combarro, O Xuviño e Cidrás. En inverno este camiño recibe un importante caudal de auga e por iso faise necesario executar este muro de contención que permitirá mellorar a seguridade.
García recorda que este ano Poio está destinando fondos provinciais para dar resposta “a todas esas actuación en camiños rurais que levan anos esperando mantementos e melloras, viais secundarios que son moi transitados polos veciños e que sofren un deterioro tan grande que supoñen un risco elevado de accidentes”. Por iso, sinala que “son pequenos investimentos pero moi necesarios e que, sobre todo, darán un servizo fundamental para a nosa veciñanza”.
Neste momento, o Concello de Poio tamén está executando obras no camiño do Cemiterio e travesía Poio de Arriba, para substituír o firme e mellorar a seguridade, e na rúa Costa de Arriba, en Combarro, onde están mellorando o firme e ampliando a rede de abastecemento e pluviais. Nos próximos días comezarán obras na Seara, en Outeiro de Fontenla, Fonteiriñas, Sartal, Liñares, Paradela, Banda do Río, San Martiño de Rial e Peirao do Covelo, entre outros.