Comezan as obras para crear unha senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro, cun investimento de 450.000€

03/06/2025

O Concello de Poio convocou para este martes, día 3 de xuño, á veciñanza para explicarlles o proxecto de mellora da mobilidade entre Casalvito e Padrón.

En marcha as obras para acondicionar o firme e crear unha senda peonil e un carril bici cos que mellorar a mobilidade e a accesibilidade entre Chancelas e Combarro. Un investimento que ascende a 450.000 euros, e que está cofinanciado de xeito conxunto entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia.

O alcalde, Ángel Moldes, comprobou o inicio das actuacións, que se estenderán ao longo dos próximos meses e que prevén estean rematadas no último trimestre deste ano. O proxecto contempla unha actuación única no Camiño Real de Chancelas, no tramo que vai entre os camiños da Bouza eo Camiño Loureiro. Inclúe a mellora e rehabilitación do firme existente e a instalación de cunetas para facilitar a evacuación de augas pluviais e o seu reasfaltado, mellorando así o acceso ás parcelas agrícolas existentes na zona. A plataforma para o tráfico rodado limitarase aos 4 metros de anchura, e crearase unha senda peonil e ciclista cunha anchura mínima de 2,5 metros, que integrará e unirá dun xeito sostible as parroquias os núcleos de A Bouza e Combarro para, deste xeito, dotar a este tramo dunhas características especiais que favorecerán o calmado do tráfico e o desprazamento sostible.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, salienta que esta actuación “é prioritaria e fundamental para mellorar a accesibilidade e a comunicación entre o núcleo da Bouza e Combarro, unha vía moi transitada pola veciñanza e que cumpre unha función clave na mobilidade diaria da zona”. Segundo explica, trátase dunha intervención que responde a unha demanda reiterada da cidadanía, especialmente dos residentes da Bouza, que levan anos reclamando unha mellora nas condicións desta estrada.

Moldes destaca que se trata dunha vía municipal que presenta un avanzado estado de deterioro: “É unha estrada que leva tempo precisando unha actuación integral, e agora damos un paso importante para poñer solución a esta situación”, indica. Ademais, o alcalde subliña que esta mellora encaixa nun plan máis amplo do goberno local para modernizar as infraestruturas viarias do concello, especialmente nas parroquias, co obxectivo de garantir unha rede de comunicacións máis segura, accesible e eficiente. “A transformación desta vía será pronto unha realidade grazas ao compromiso firme deste goberno coa mellora do rural e coa calidade de vida da nosa veciñanza”, conclúe.

REUNIÓN NO PEREIRO PARA EXPLICAR O PROXECTO DE CASALVITO A PADRÓN

Por outra banda, o Concello de Poio convocou para este martes, día 3 de xuño, á veciñanza para explicarlles o proxecto de mellora da mobilidade entre Casalvito e Padrón. Un proxecto que está en fase de licitación, tras conseguir financiamento da Deputación de Pontevedra a través do Plan Extraordinario. A reunión será no Local Social do Pereiro, ás 20.00 horas, para explicar polo miúdo en que consiste o proxecto, centrado en mellorar a calidade de vida e o benestar da veciñanza.

O proxecto pretende recuperar a contorna e a mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón, un proxecto que ascende a preto de 730.000 euros para executar unha actuación integral que vai a mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de dar unha maior seguridade para os peóns e crear novas zonas de comunicación con Combarro de xeito máis seguro e como alternativa á P0-308.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio