Comezan as obras para achegar os servizos básicos ás vivendas pendentes no camiño da Coita, en Samieira

03/12/2024

“Estamos cumprindo un compromiso que tiñamos con estes veciños e veciñas, para dárlles unha solución xa este ano e garantirlles igualdade de condicións co resto da contorna”, sinala Ángel Moldes.

O Concello de Poio comezou as obras para dotar de servizos básicos de abastecemento, saneamento e evacuación de pluviais ás vivendas pendentes no Camiño da Coita, en Samieira. Un proxecto que conta cun investimento de 50.000 euros que está executando a empresa Covsa e que, segundo explica o alcalde, Ángel Moldes, vai permitir dotar destes servizos esenciais a varias vivendas e fincas deste lugar que “inexplicablemente” quedaron sen dotación destas redes cando en 2022 se executaron melloras en varias zonas de Arén.

“Estamos cumprindo un compromiso que tiñamos con estes veciños e veciñas, para dárlles unha solución xa este ano e garantirlles igualdade de condicións co resto de vivendas da contorna”, engade. Nesta liña, di que ninguén entendía a razón de por que, despois de facer un investimento tan importante para dotar a Arén de saneamento, abastecemento e pluviais, o deixasen incompleto excluíndo do proxecto “a un puñado” de vivendas unifamiliares en camiño da Coita. Así, apunta que incluso nalgún caso ten aínda menos explicación, porque eran propietarios de terreos que cederon para acopio de material durante as obras, polo que estaban “dobremente molestos”.

As obras contemplan unha mellora integral e reposición de pavimento acorde ao entorno e facilitando a integración peonil da zona. As instalacións transcorrerán pola PO-303, onde hai unha cuneta existente de formigón que se vai demoler para instalar a rede de saneamento por debaixo. Ademais, realizarase unha perforación horizontal dirixida baixo a calzada, evitando así afección algunha sobre o firme existente. Con respecto ás pluviais, instalarase 137 metros de cuneta de formigón triangular remontable para garantir a recollida da auga.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio