Comezan a quentar motores para celebrar a XXIV Subida á Escusa, o 8 e 9 de xuño en Poio

28/05/2024

Espérase que participen preto de 70 pilotos, nunha proba que cada ano congrega a milleiros de siareiros. Destacan a importancia deste tipo de eventos fóra da tempada alta para dinamizar a economía local.

Poio quenta motores para celebrar, o próximo sábado 8 e domingo 9 de xuño a XXIV Subida á Escusa, organizada por Buxa Motor en colaboración co Concello de Poio. Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e a presidenta da escudería e directora de carreira, Noemí Blas, presentaron a proba, acompañados do deputado provincial Javier Tourís, do delegado de Deportes da Xunta de Galicia, Manuel Benavides, e do presidente da Federación Galega de Automobilismo, Antonio Rodríguez.

Ángel Moldes agradeceu o traballo de Buxa Motor, “porque celebrar 24 anos de proba quere dicir que detrás hai moito traballo, cariño, esforzo e ilusión”. Así, adiantou que o próximo ano, Poio acollerá a Gala da Federación Galega do Motor en xaneiro, un evento moi importante para celebrar os 25 anos da proba.

Por último, recordou que “o éxito da Subida é o público, que a converten nunha das máis multitudinarias coa xente que se xunta nas proximidades do circuíto”. Ademais, incidiu na importancia que teñen este tipo de eventos fóra da tempada alta para contribuír a dinamizar e desenvolver o municipio.

Unha idea na que tamén insistiu Javier Tourís, que recoñeceu que “este evento deportivo é unha experiencia 100% Rías Baixas, que redunda no turismo e na economía local”.

Manuel Benavides recordou que “a súa experiencia na Subida á Escusa foi hai anos grazas ao alcalde, que insistiu para que o vivise en persoa. E desde entón é unha das probas ás que lle teño máis cariño, porque mirar todo un pobo participando nela é algo extraordinario. É unha envexa que Poio teña unha proba así. Un espectáculo que recomendo porque engancha”.

Unha subida “mítica, que leva moitos anos no calendario, moi consolidada e nunha contorna incomparable”, destacou o presidente da Federación, Antonio Rodriguez. Que, como tamén dixo Noemí Blas, confían nunha grande participación e, sobre todo, que transcorra con normalidade e sin ningún tipo de incidencia.

A Subida á Escusa é a terceira proba do Campionato Xunta de Galicia de Montaña, e a unha semana de rematar as inscricións, estiman con que compitan aproximadamente 70 pilotos. As primeiras mangas de adestramento serán o sábado, ás 15.30 horas, seguido da segunda manga e a carreira. Xa o domingo, a terceira manga de adestramentos arrincará ás 9.30 horas e, a continuación, a segunda e terceira carreras.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio