É unha formación gratuíta, cunha duración de 100 horas dirixida a persoas interesadas en incorporarse á limpeza profesional, un dos sectores con máis demanda laboral na actualidade.
Esta mañá comezou na Casa Rosada o curso “Limpeza hospitalaria e de edificios”, organizado polo Concello de Poio e a fundación Acción Contra el Hambre. Unha formación que completou todas as prazas dispoñibles e, como sinalou o alcalde, Ángel Moldes, supón unha verdadeira oportunidade para formarse de xeito totalmente gratuíto nunha profesión con alta empregabilidade.
O curso desenvolverase ata o 10 de xuño, cun total de 100 horas entre as que se inclúen sesións teóricas e prácticas profesionais.
Esta formación completa a oferta de cursos que se están desenvolvendo desde o Concello de Poio, dirixidos de xeito especial para persoas en situación de desemprego. O alcalde, Ángel Moldes, que xunto coa concelleira de Promoción Económica, Maritxe González, visitaron ao alumnado no arranque da formación, aseguraron que para o Goberno local é fundamental ofrecer formación en sectores con alta demanda laboral para que as persoas que están en situación de desemprego adquiran novas habilidades e formación que melloren a súa empregabilidade.
Nesta liña, recordan que nos últimos meses, tamén en colaboración coa fundación Acción Contra el Hambre, xa se impartiron cursos de atención ao cliente en comercio supermercado e de carnicería e charcutería, nos dous casos conseguindo un importante grao de inserción laboral, pero tamén se están impartindo formacións en novas tecnoloxías para mellorar as competencias dixitais do alumnado.
AULA CEMIT DE COMBARRO
Ademais destas propostas, tamén están dispoñibles os cursos de informática que se organizan na Aula Cemit de Poio, situada en Combarro, e que para o mes de xuño programa sesións de “Iniciación á informática” (do 2 ao 6 de xuño), “Iniciación a Internet” (do 9 ao 13), “Iniciación ao correo electrónico” (do 16 ao 18) e “Procesador de texto Libreoffice Writer” (do 25 ao 27). As inscricións pódense facer na propia Aula Cemit de Poio, na web cemit.xunta.gal ou no enderezo electrónico cemit.poio@xunta.gal.
Ademais destes cursos, a Aula tamén ten acceso libre, con cita previa, de luns a venres de 9.00 a 10.00 horas e de 12.00 a 14.00 horas.