As obras execútanse a través dun convenio entre o Concello de Poio e Medio Rural.
Comezaron as obras de mellora do firme na travesía de San Xoán en no camiño de Liñares, que contan cun investimento de 60.151,02 euros financiados entre o Concello de Poio e a Consellería de Medio Rural.
O alcalde, Ángel Moldes, que xunto co concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou o inicio das obras, explica que son dous camiños de titularidade municipal que presentaban un importante estado de deterioro nalgúns puntos, provocados tanto polo desgaste producido pola circulación de vehículos como á erosión orixinada pola auga.
Polo tanto, sinala que esta é unha actuación “imprescindible” para o Concello, coa que quere garantir a seguridade e mellorar a mobilidade. Así, pediu “paciencia” aos veciños, consciente de que “as obras sempre provocan algunhas incomodidades pero son fundamentais para mellorar e seguir avanzando”. Con todo, confía en que sexan mínimas as molestias que poidan ocasionar aos residentes.
As actuacións inclúen rehabilitar o firme e a mellora do sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación da rede de pluviais en parte do tramo de actuación. Así, preténdese reasfaltar o pavimento existente mediante o aporte dunha capa media de 6 cm de mestura bituminosa en quente, gañando todo o espazo que se poida entre muros. Para garantir o bo mantemento do firme e o seu uso, dotarase ó camiño dun tramo de tubaxe para recoller e evacuar as augas pluviais. Esta rede completarase coa execución de catro pozos de rexistro e a instalación de cinco tramos de canaleta.
Para estas actuacións, o Concello de Poio recibiu unha subvención da Axencia de Galega de Desenvolvemento Rural, con cargo ao Plan de mellora de camiños municipais. O importe asignado pola Consellería ascende a 49.711,59 euros, mentres que o Concello de Poio aportará 10.439,02 euros. Ademais, tamén coa colaboración de Medio Rural, o Concello de Poio vai realizar un estudo integral co que coñecer o estado real de toda a rede viaria municipal.
Tamén en Liñares, o Concello de Poio está realizando, con fondos provinciais, as obras de humanización na Praza, que tamén inclúen ampliar a capacidade da rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza, na que conflúen dúas rúas con tráfico rodado e peonil.
Xunto con esta obra de mellora do firme na travesía de San Xoán e no camiño de Liñares, neste momento o Concello de Poio ten en marcha outras actuacións en estradas municipais. Así, están xa moi avanzadas as obras para ampliar a rede de abastecemento e pluviais no camiño do Castaño, en Portosanto, e xa remataron a ampliación da rede de pluviais no camiño de Cachafeiro, no Xuviño, o que vai permitir solucionar os problemas de inundación no vial e nas fincas anexas. Moldes asegura que “desde o Concello estamos empeñados en dotar aos diferentes lugares do municipio do equipamento mínimo e aumentar a calidade de vida dos veciños e, de paso, mellorar as condicións de accesibilidade”.