Colectivos da comarca reúnense en Poio para interesarse polo plan Provincia Comunitaria da Deputación

18/01/2024

Colectivos de toda a comarca ateigaron onte o Casal de Ferreirós, en Poio, na charla informativa organizada pola Deputación de Pontevedra para explicar as bases do novo Plan Provincia Comunitaria, unhas axudas dirixidas a asociacións de veciños, confederacións, federacións, unións ou asociacións de mulleres rurais e que poden alcanzar ata os 10.000 euros por entidade. 

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, agradeceu que o novo Goberno provincial “recupere en só uns meses unha liña de axudas fundamental para apoiar a labor tan importante que desenvolven estas asociacións, e que redunda en beneficio de toda a sociedade. Colectivos que se deixan a pel de forma desinteresada para ofrecer aos seus veciños actividades de todo tipo”.

Tamén nesta liña se manifestou o deputado provincial de Acción Comunitaria e Equipamentos Públicos, Javier Tourís, que remarcou o “firme compromiso da Deputación co tecido asociativo da provincia”.

Na reunión, á que tamén asistiron o deputado provincial e alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, e os alcaldes de Campo Lameiro e A Lama, Carlos Costa e David Carrera, explicáronse as bases dunhas axudas que abranguen entre os 6.000 e os 10.000 euros para adquirir equipamentos (mobiliario, dispositivos informáticos, acústicos ou audiovisuais para desenvolver o seu traballo) ou executar obras de acondicionamento, reforma e ampliación de locais sociais, infraestruturas nas que desenvolven a súa actividade ou espazos destinados ao cumprimento dos seus fins. O prazo para solicitar as axudas do Plan Provincia Comunitaria remata o 29 de febreiro e as obras deberán estar rematadas en novembro.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio