Clausuran o curso de Fruticultura, poda e enxertos con grande éxito de participación

08/04/2024

Destacan o grande interese que están espertando todas as propostas programadas pola concellería de Medio Ambiente, cuxo obxectivo é fomentar a economía circular e o respecto polo entorno.

O Concello de Poio clausurou este venres o curso Fruticultura, poda e enxertos, unha formación que xerou grande interese e que cubriu todas as prazas dispoñibles en tempo récord. O alcalde, Ángel Moldes, e o concelleiro de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, achegáronse ata a finca onde se desenvolveu o curso, para agradecer aos participantes o seu interese e facer entrega dos diplomas.

Este é un dos catro obradoiros gratuítos que o Concello de Poio programou para fomentar a economía circular e o respecto polo medio ambiente. O curso de Fruticultura, poda e enxertos, estivo impartido por Alfonso Touceda, técnico especialista en xardinería e desenvolveuse en catro xornadas, os días 22 e 23 de marzo e 4 e 5 de abril. O alumnado recibiu formación teórica e práctica para coñecer os criterios de plantación, a intensidade de poda en función das especies máis comúns, como reformar unha finca xa establecida, os enxertos máis frecuentes así como recomendacións para ter froita na horta todo o ano.

O alcalde recordou que cada vez hai máis veciños en Poio comprometidos coa separación de residuos, coa reutilización e coa economía circular e o aproveitamento de recursos, e isto demóstrase no alto interese que espertou a programación elaborada por Medio Ambiente, cuxos dos primeiros cursos xa contan con todas as prazas completas. Uns cursos que, engadiu, intentan fomentar a alimentación saudable e aumentar a produción de produtos da horta no municipio.

O curso da Horta ecolóxica, impartido por Jacobo Ojea, produtor orgánico con 20 anos de experiencia, impartirase os días 10, 11, 17 e 18 de abril, de 16.30 a 20.30 horas. Este obradoiro pretende axudar ás diferentes persoas a organizar a súa finca para conseguir un maior entendemento do funcionamento dunha horta, así como as relacións que nela se dan para poder acadar mellores resultados. Dende unha visión global achegaranse ao mundo da agricultura orgánica explorando diferentes metodoloxías e aportando diferentes ferramentas que axuden a entender mellor o funcionamento das terras de cultivo.

Con respecto aos cursos Cosmética ecolóxica natural e Fermentación como método de conservación, aínda están pendentes de data, que se confirmarán nos próximos días. No primeiro caso, terá unha duración de 12 horas e amosará métodos de elaboración tradicional e explicacións sinxelas para o recoñecemento das plantas, flores e demais produtos naturais que se utilizan en cada elaboración de cosmética natural, desde xabóns para a cara ou o corpo, ata o coidado do fogar con produtos naturais.

No segundo caso, o obxectivo é introducir ás persoas participantes no mundo da fermentación caseira, un método de conservación tradicional que ofrece moitas posibilidades para transformar e crear alimentos superiores en nutrientes, desenvolver novos aromas e sabores, reducir o desperdicio orgánico e xerar unha maior conciencia de aproveitamento.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio