Maritxe González destacou a implicación do alumnado tanto nas clases teóricas como nas prácticas, para o que confía, “pronto comezarán a recibir propostas de emprego”.
Concello de Poio e Acción contra el Hambre clausuraron esta semana o curso de carnicería e charcutería que, durante os últimos meses, estivo formando a dez persoas nunha ocupación cunha demanda laboral moi alta.
A concelleira Maritxe González destacou a implicación de todo o alumnado, tanto nas clases teóricas como nas prácticas, e confía que “pronto comezará a recibir propostas de emprego”. Con todo, recomendou que é importante que sigan aproveitando este tipo de propostas formativas para ampliar os seus coñecementos e seguir mellorando. Nesta liña, recordou que a demanda laboral de carniceiros e charcuteiros é real, e fixo referencia a que practicamente non existe desemprego neste oficio, “polo que esta formación supón unha verdadeira oportunidade laboral para todas as persoas que participaron”.
Neste senso, convidoulles a facer uso do Servizo de Intermediación Laboral do Concello de Poio e dos perfís empregoenpoio nas redes sociais, onde se pon a disposición das persoas interesadas ofertas de traballo e de formación actualizadas, de xeito que toda a información queda centralizada nun mesmo espacio para que a consulta sexa o máis rápida e áxil posible, pero tamén para que, no caso de que alguén estea interesado na oferta, se poida tramitar de xeito sinxelo. “Unha ferramenta moi útil, totalmente gratuíta, que está resultando moi valiosa á hora de facilitar a inserción laboral de persoas en búsqueda de emprego pero tamén para dar resposta ás propias empresas, que recorren a este servizo para facer a súa selección de persoal”, engadiu.
O curso de Carnicería e Charcutería foi gratuíto para o alumnado e tivo unha duración de 100 horas, das que cincuenta foron teóricas, que se impartiron na Casa Rosada, e as outras cincuenta, prácticas non laborais en empresa.