No día que se conmemora a Atención Temperá, as familias participaron nunha merenda nos xardíns da Casa Rosada. Ángel Moldes sinala que este servizo xa está a marcar a diferencia na vida destes menores: “este servizo supón un antes e un despois para moitas crianzas e para as súas familias”.
Poio conmemorou hoxe coas familias o Día da Atención Temperá, un servizo gratuíto que está en funcionamento desde hai tres meses neste concello e que xa ofrece atención a 43 menores de seis anos.
Os xardíns da Casa Rosada foron o escenario elixido, onde as familias se foron achegando esta tarde para compartir experiencias e vivencias, e puxeron en común os importantes avances que xa perciben nos seus fillos. O alcalde, Ángel Moldes, que participou nas actividades programadas xunto coas concelleiras de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, e de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, subliñou a “calidade asistencial deste servizo”. Nesta liña, engadiu que aínda que se puxo en marcha este ano “xa está a marcar a diferencia na vida de máis de 40 nenas e nenos menores de 6 anos no noso concello”. Por iso, amosou o seu orgullo por un servizo “que supón un antes e un despois para moitas crianzas e para as súas familias.
A Unidade de Atención Temperá de Poio é un servizo clave para favorecer o desenvolvemento da cativada e unha verdadeira oportunidade para familias que agora contan cun apoio esencial desde os primeiros anos de vida.
Financiado pola Consellería de Política Social, conta cun equipo de profesionais conformado por psicóloga, logopeda, terapeuta ocupacional e fisioterapeuta pediátrica.
No servizo acompañan ás familias que teñen nenos e nenas con desafíos no desenvolvemento ou en risco de telos, cun enfoque centrado na familia. Facilitan o movemento desde a motivación, apoiando cada paso e cada avance sen forzar. Na comunicación céntranse no vínculo, nas primeiras palabras, nos xogos e na emoción. Axudan tamén a fomentar a autonomía de cada neno. E este traballo fano en equipo, coordinadas permanentemente non só con cada familia, senón tamén cos pediatras, co profesorado ou cos servizos sociais.