Ángel Moldes: “Son pequenas actuacións que dan un gran servizo e contribúen a mellorar a calidade de vida das persoas”.
A veciñanza de Campelo conta desde hoxe cun novo miradoiro no Camiño do Castro, un espazo de encontro veciñal que mira cara a ría onde antes había un punto de vertido incontrolado. Esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, participou na inauguración organizada pola Asociación de Veciños de Campelo, á que tamén asistiu Esther Couceiro, directora da Biofábrica de Ence Pontevedra.
Este novo miradoiro fíxose, segundo explicou o presidente do colectivo, Manuel Ligero, grazas á colaboración do Concello de Poio e de Ence, a través do seu Plan Social, coa asociación. As actuacións consistiron en limpar toda a zona e crear unha base de formigón cun banco de pedra, iluminación e varanda de seguridade.
“Este lugar era unha escombreira e grazas á implicación e compromiso de todos, conseguimos convertelo nun proxecto para toda a veciñanza. Sacar o lixo que se acumulaba neste lugar era prioritario, non só pola imaxe, senón tamén por cuestións de salubridade”, subliñou. Ademais, apuntou que todas as empresas que traballaron neste proxecto son locais.
Tamén Ángel Moldes salientou este proxecto como “un claro exemplo de colaboración conxunta entre o Concello de Poio, Ence e asociación de veciños”. Neste caso, recoñeceu que “para nós era unha prioridade eliminar este punto de vertido incontrolado que foi en aumento nos últimos anos e convertelo nun punto de encontro para veciños e visitantes”. Ademais, tamén agradeceu a colaboración das persoas que teñen propiedades neste lugar e que fixeron as súas cesións para poder facer realidade este miradoiro e, co tempo, dar continuidade a este proxecto cun camiño de acceso e adecuar un segundo miradoiro. “Estas actuacións, aínda que parecen pequenas, dan un gran servizo e supoñen unha importante mellora na calidade de vida das persoas”, destacou, e puxo como exemplo que nos últimos días o banco do miradoiro xa servía de punto de encontro e de conversa para a veciñanza.
Pola súa banda, Esther Couceiro, directora da Biofábrica de Ence Pontevedra, subliñou que “en Ence Enerxía e Celulosa estamos moi orgullosos de poder formar parte de iniciativas tan valiosas como o proxecto da Asociación de Veciños de Campelo, dentro do noso Plan Social ENCE Pontevedra. Este proxecto, que deu unha segunda vida ao que foi un vertedeiro, converténdoo nun miradoiro fermoso, é un claro exemplo de como podemos transformar a contorna de maneira positiva e sostible. Seguimos comprometidos co benestar da nosa comunidade e co desenvolvemento de proxectos que xeren un impacto positivo no entorno”. Ademais, aproveitou a ocasión para animar á sociedade a presentar “proxectos na nova convocatoria do Plan Social, que está aberta ata o 1 de outubro. Seguimos comprometidos co benestar da nosa comunidade e co desenvolvemento de proxectos que xeren un impacto positivo na contorna”.