Campaña en Poio para concienciar sobre a recollida de excrementos: “Non deixes quedar mal á túa mascota, é a túa responsabilidade”

15/03/2024

Repartiran dípticos informativos e dispensadores de bolsas entre o alumnado dos colexios de Poio: “Queremos inculcarlle valores para manter limpas as rúas e facerse responsables das necesidades das súas mascotas, pero tamén que sexan os nosos aliados cos seus pais, avós ou veciños”.

O Concello de Poio, coa colaboración de Purina e da Canceira, pon en marcha unha campaña de concienciación sobre a recollida e limpeza dos excrementos das mascotas nas rúas, parques e xardíns do municipio.

O alcalde Ángel Moldes, presentou esta mañá a campaña na praza San Roque, en Combarro, acompañado polos concelleiros de Medio Ambiente, Manuel Domínguez, e Educación, Natalia Sabarís, así como dos administradores da empresa Nutripema, Juan Carlos Quinteiro e Araceli Díez, e responsables da Canceira de Poio, que se achegaron con Bruce, un can de tres anos de idade. Moldes subliñou que “con un xesto, gañamos todos e contribuímos á mellora da limpeza do noso entorno”. Nesta liña, recordou en que os excrementos non son abono, senón que contaminan, poden provocar infeccións, ensucian e causan moitas molestias, e por iso pediu que “non deixar quedar mal ás mascotas, porque non é culpa súa, a responsabilidade é dos seus propietarios”.

A campaña, que se trasladará aos colexios de Poio así como aos parques e xardíns do municipio, inclúe o reparto de folletos informativos e de dispensadores de bolsas. Así, nas próximas semanas, acompañados pola Canceira, a campaña achegarase aos diferentes centros de ensino: “Queremos inculcar aos escolares de Poio valores para manter limpas as rúas e para facerse responsables das necesidades das súas mascotas, pero tamén que sexan os nosos aliados cos seus pais, avós ou veciños. Sabemos que eles van ser fundamentais para conseguir os mellores resultados porque, ademais, si conseguimos que adquiran ese hábito tan pequenos, vai ser un gran logro para o futuro”.

Piden saír acompañados de bolsas para recoller os excrementos e depositalos na papeleira máis próxima. “É un xesto moi simple, e é fundamental que todos colaboremos para manter as rúas e prazas limpas pero sobre todo, porque os nosos animais son a nosa responsabilidade”, conclúe.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio