A 3ª proba da Copa Galicia XCO reunirá este sábado en Samieira a máis de 200 ciclistas

23/04/2024

O Club Ciclismo Samieira, coa colaboración do Concello de Poio, recupera unha proba histórica dentro do BTT galego.

Samieira recupera este sábado unha proba histórica dentro do BTT galego coa celebración da Copa Galicia XCO, na que esperan reunir a máis de 200 ciclistas.

O alcalde, Ángel Moldes, felicita ao Club Ciclista Samieira “por recuperar unha proba tan importante para Samieira e para todo o concello, unha proba única, con características moi singulares e nun entorno inmellorable”. Por iso, convida a veciños e visitantes a disfrutar en directo da carreira. “Temos por diante outra fin de semana moi potente, con moitas actividades e a Copa Galicia XCO vainos converter o sábado no epicentro do ciclismo galego”, engade.

Pola súa parte, Ignacio Uhía, presidente do Club Ciclista Samieira, amosa o orgullo da entidade “porque, coa colaboración do Concello de Poio, conseguimos recuperar unha proba moi importante”, e recorda que “xa antes de que houbera competición federada en Galicia, en Samieira xa se disputaba esta proba”. Por iso, amósase feliz porque, despois de sete anos, “todo o mundo do ciclismo pode volver a disfrutar do ciclismo de montaña e de Samieira”. Precisamente, recorda que recuperar e consolidar este proba que comezou a celebrarse en 1992 é un dos dous obxectivos que se marcou o club, que se presentou hai menos de dous meses. O segundo, ofrecer aos veciños da localidade e da contorna a posibilidade de practicar esta modalidade de forma federada.

A terceira proba da Copa Galicia XCO Samieira dispútase este sábado, 27 de abril, a partir das 15.30 horas. O prazo para anotarse remata o xoves, día 25 ás 15.00 horas na web da Federación Galega de Ciclismo. Dispútase nas categorías masculinas e femininas de sub23, máster 60, máster 50, máster 40, máster 30, júnior, élite UCI, élite cadete e infantil.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio