BALANCE DOS PRIMEIROS 100 DÍAS DE MANDATO: “POIO TEN UN GOBERNO ÚNICO, CENTRADO EN ATENDER E RESPONDER ÁS NECESIDADES DOS NOSOS VECIÑOS”

12/01/2024

2023.

O novo Goberno local fai balance nos primeiros cen días de mandato: “Poio ten hoxe un goberno único, cohesionado e que está centrado exclusivamente no importante, que é atender e responder ás necesidades e prioridades de todos os nosos veciños”, sinala o alcalde Ángel Moldes. Un goberno que, indica, “a pesar da difícil herdanza económica que recibiu, en tres meses desbloqueou e puxo en marcha medidas e iniciativas importantes e necesarias, pero tamén está convertendo ao concello nunha administración máis próxima, áxil e dialogante”.

Así, valora moi positivamente o traballo de todos os concelleiros. “Os veciños notan a pegada do novo goberno: estamos facendo máis gastando menos, estamos dando resposta a demandas que estaban anquilosadas desde hai moitos anos. Somos un equipo comprometido, responsable e eficiente na xestión dos recursos públicos, pero sobre todo, un equipo de concelleiros próximos aos veciños, que se manteñen na rúa escoitando, entendendo e atendendo as súas inquedanzas”.

En canto ás medidas postas en marcha nestes primeiros cen días, sinala que, a pesar de contar con practicamente todas as partidas do orzamento esgotadas, comezaron a cumprir xa con algúns dos seus compromisos. Así, pon como exemplos que xa se están dando os primeiros pasos para converter a Gardería de Campelo nun Centro de Día, asinouse un acordo histórico coas confrarías para aumentar as prazas de aparcamento no Porto de Combarro, e tamén se desatascou o proxecto para crear máis de 150 prazas na finca de Coca-Cola.

A nivel turístico, Moldes salienta que están tomando as primeiras accións pola sustentabilidade e desestacionalización do turismo, cun compromiso tamén do Goberno galego coa posta en valor da Illa de Tambo. Un compromiso que tamén se estende á Escola de Canteiros de Poio, para convertelo nun centro integral de formación profesional de referencia a nivel nacional e internacional.

Ademais, sinala que “nun exercicio de responsabilidade”, están tomando decisións para pagar as facturas a autónomos e pequenos empresarios, moitos deles de Poio, que os tres alcaldes deixaron no caixón, e que segundo a auditoría interna feita polos funcionarios municipais ascende a un millón de euros. E tamén en materia de xestión municipal, puxeron en marcha un plan de choque para desbloquear os máis de 600 expedientes urbanísticos que estaban sen resolver en xuño, así como para axilizar e desbloquear outros expedientes municipais, como por exemplo a autorización de vados permanentes ou de prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida. “Non lles gusta que falemos da herdanza económica que recibimos, pero é fundamental porque está condicionando toda a labor deste Goberno. Non contar con partidas nos orzamentos está limitando a xestión municipal nos últimos seis meses do ano”.

Moldes tamén pon en valor que este goberno “salvou” o proxecto para rehabilitar o Centro Social de Arén. “Os fondos europeos estaban en risco, porque non había partida orzamentaria para facer fronte á parte que tiña que asumir o concello e porque, ademais, se estaban incumprindo todos os prazos”. E, ademais, engade que tamén evitaron perder a subvención da reforma en Ramón Encinas e conseguiron que os negocios puideran traballar no mes de agosto cun mínimo de normalidade e sen perder, así, a campaña de verán.

Entre outras actuacións realizadas nestes meses, enumera as obras de mantemento en todos os centros escolares durante os meses de verán; os traballos de desbroce, de limpeza e desinfección de rúas; asegurar os servizos básicos e a redes de saneamento, coa reparación do colector de Combarro; a posta a punto das praias, ou mellora dos accesos; a colaboración permanente con colectivos, asociacións e clubs locais; ampliar ás mañás a apertura do ximnasio municipal da Seca; e mellorar o miradoiro de Fronteira, en Raxó, entre outros.

Outro dos retos que asumiu o Goberno local foi a necesidade de organizar as festas do verán, coa maior parte dos actos sen concretar e sen partida económica, “e superamos o reto cunha programación de calidade, organizando festas moito máis participativas nas que se involucraron os colectivos e as asociacións locais, recuperando a esencia da Festa do Mar de Combarro e o Día de Colón, e incluíndo propostas para os máis pequenos en todas as programacións, como a Festa Holi de Volta ao cole ou implantando medidas de inclusión como silenciar as atraccións de feira”.

Por último, avanza que nas próximas semanas darán a coñecer medidas novas en materia de urbanismo e turismo, e xa comezaron tamén a traballar nos orzamentos para o ano 2024, para os que xa están escoitando aos diferentes colectivos.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio