A XGL aprobou a convocatoria, que se publicará nos próximos días no BOP e establece un prazo de dous meses para que as persoas interesadas presenten a súa solicitude.
O Concello de Poio convoca novas subvencións para a conservación e mellora de edificios e vivendas na Área de Rehabilitación Integral (ARI) de Combarro, que ascenden a preto de 120.000 euros.
Unha liña de fondos do Goberno central e da Xunta de Galicia para cubrir parte dos gastos da execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en edificios e vivendas, instalacións fixas, equipamento propio e elementos comúns, co fin de os adecuar á normativa vixente e sempre dentro do ámbito da área de rehabilitación.
A contía máxima das axudas determinarase atendendo ao orzamento protexible da actuación e non poderá exceder do 50% do custo subvencionable da actuación, ata un máximo de 25.000 euros por cada vivenda obxecto de rehabilitación. Nas vivendas nas que os ingresos da unidade de convivencia residente sexan inferiores a 3 veces o IPREM a porcentaxe máxima da axuda sobre o investimento poderá chegar ao 85%. Para as obras de mellora da accesibilidade en vivendas con residentes discapacitados ou maiores de 65 anos, será posible acadar unha axuda do 85% do custo da actuación.
A convocatoria destas subvencións foi aprobada na Xunta de Goberno Local esta semana, e nos próximos días publicarase no Boletín Oficial da Provincia. Establece un prazo de dous meses para que as persoas interesadas presentan a súa solicitude. O Concello, a través da Oficina da Área de Rehabilitación, facilitará a asistencia técnica e o asesoramento preciso ao solicitante das axudas, para a definición previa das obras que desexe acometer nas vivendas.
Na páxina web do Concello de Poio existe un espazo específico sobre o ARI (pincha aquí), no que é posible descargar documentación e resolver dúbidas. Así mesmo, tamén é posible solicitar asesoramento chamando ao número de teléfono 986770001 (extensión 1241) ou enviando un correo electrónico á dirección ari_combarro@concellopoio.gal.