Axuda de 1.700€ para financiar parte do comedor escolar do Isidora Riestra entre decembro e febreiro

03/04/2024

A Xunta de Goberno aprobou esta mañá unha axuda de 1.666,50€ para financiar parte do comedor escolar do CEIP Isidora Riestra, entre decembro e febreiro. Así, segundo o convenio anual asinado entre o Concello de Poio coas ANPAS, outórgase unha axuda de 1,50 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación.

Aínda que o convenio asínase para todo o curso escolar, o pago das subvencións realízanse segundo cada asociación vaia presentando a súa xustificación, de xeito que pode ser trimestral, semestral ou ao final do curso, segundo sexa vontade de cada anpa.

En decembro, o comedor do Isidora Riestra repartiu un total de 272 menús, mentres que en xaneiro foron 433 comidas e en febreiro, 406. Esta axuda de 1.666,50 euros que se aprobou esta mañá súmase aos 2.065 euros que xa recibiu a ANPA polo funcionamento do comedor entre setembro e novembro.

O CEIP Isidora Riestra é un dos tres centros escolares de Poio que conta con este servizo. No caso do Isidora Riestra, este servizo púxose en funcionamento este curso escolar e está sendo un éxito de participación. De feito, desde o inicio xa se incrementou de xeito importante o número de inscritos. O comedor comezou a funcionar con 9 nenos e hoxe contan con 40 crianzas anotadas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio