O pleno aprobou onte por urxencia as alegacións presentadas ao documento tras dous meses de exposición pública.
O Concello de Poio avanza na modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal, incorporando aportacións da veciñanza e dos grupos municipais. Así, na sesión plenaria de xaneiro, que se celebrou onte, aprobouse por urxencia incorporar ao texto as consideracións que realizan as técnicas respecto ás seis alegacións presentadas tras o prazo legal de dous meses, así como as correccións propostas pola comisión de urbanismo, con achegas de todos os grupos municipais.
Estas alegacións incorporaranse a un texto refundido que, posteriormente, terá que ser aprobado de novo polo pleno e que afectan, entre outras, á altura máxima das edificacións auxiliares ou ao fondo máximo da parcela para inscribir o círculo de 15 metros de diámetro, entre outras cuestións. Unhas alegacións que, ademais, se responderán directamente ás persoas interesadas.
A modificación puntual do PXOM vai permitir adaptar as normas urbanísticas do municipio á lexislación vixente e ás necesidades da veciñanza, e desde o Goberno local sinalan que é importante avanzar o antes posible para ter unhas normas urbanísticas claras e completas, algo fundamental para a actividade económica, para a tranquilidade da veciñanza e para que Poio poida seguir crecendo.
Este documento permite completar unha serie de deficiencias e omisións do PXOM de 2000. Ademais, tamén adaptará a norma urbanística á nova lexislación, como a Lei do Solo de Galicia do ano 2016, e definir e regularizar usos que no seu momento non se recolleron, como sanitario, educativo, sociocultural, ou deportivo…