Aumenta a participación na Festa dos Maios: oito colectivos exporán ata doce creacións na Praza do Mosteiro

25/04/2024

Concello e colectivos homenaxearán nesta edición a Francisco Lobajeira por ser unha das persoas que contribuíron, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos maios.

A Festa dos Maios de Poio aumenta a súa participación, con oito colectivos que exporán ata doce creacións na Praza do Mosteiro. Así o sinalou esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, que xunto á concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, e o presidente do Ateneo Corredoira, Juan Manuel Pérez, presentaron a programación da festa.

Unha edición que homenaxeará a Francisco Lobajeira Pérez, veciño de Arís de 81 anos, por ser unha das persoas que contribuíron, nas últimas décadas, a difundir, conservar e expandir a tradición dos maios no municipio. Será durante a mañá, desde as 11.00 horas, na Praza do Mosteiro, onde se exporán todas as creacións e cantarán as coplas que entran no concurso.

Ángel Moldes subliñou que “é unha festa cun vínculo mi familiar, no que participan persoas de todas as idades, que involucra a todas as parroquias e con moito arraigo no noso concello”.. Así, no concurso participarán os maios Rockeiriño, Armadiña, Fontela, Laretas, Vilariño, Pimpín, Pitufeiro, Isidoro, Maiolo, Pequemaio, Boureante e Marepodium. A todos, agradeceu “a importante labor que realizan, persoas que se involucran para seguir consolidando o que é un dos concursos de maios de referencia en toda a comarca de Pontevedra”

Os premios repartiranse entre os tres primeiros clasificados nas categorías ao mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, mellor actuación e mellor barco galego tradicional. Nestes cinco grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Ademais, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.

O xurado estará formado polos membros da Comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio. A xornada, ademais tamén estará amenizada polo grupo de música tradicional Vides Novas.

Xa pola tarde, ás 17.00 horas, a mostra dos maios trasladarase á Praza da Chousa, en Combarro, coa colaboración do Ateneo Corredoira e a actuación da Escola de Música tradicional de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio