O narrador Kike Mauricio, a ilustradora Tania Solla e a pandeireteira Alba Faro achegaron as historias de Mari Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalina Gómez e Magdalena Rosales ao alumnado dos cinco colexios do municipio.
“Mulleres que fan Poio”, a homenaxe que o Concello de Poio realizou no 8 de marzo a cinco veciñas do municipio, chega esta semana aos colexios. A través do conto, debuxos e cancións, o narrador Kike Mauricio, a ilustradora Tania Solla e a pandeireteira Alba Faro están expoñendo as historias de vida de Mari Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalina Gómez e Magdalena Rosales ao alumnado dos cinco colexios do municipio.
As xornadas contan tamén coa asistencia das protagonistas a cada un dos centros, para que o alumnado teña a oportunidade de interactuar e dialogar con elas. Esta mañá Carme Soto visitou o CEIP de Lourido, acompañada polo alcalde Ángel Moldes e as concelleiras de Benestar e Igualdade e Cultura e Educación, Natividad Torres e Natalia Sabarís, mentres que Rosalina Gómez visitou o CEIP de Chancelas.
Ángel Moldes subliña que a educación é a base para avanzar cara unha igualdade real, “é importante que as novas xeracións teñan referentes reais, persoas ás que mirar e nas que recoñecer valores como o esforzo, a honestidade, o compromiso e o amor polo seu pobo”.