As Mareas de Coñecemento volven a Poio, con seminarios sobre pilates, uso do teléfono móbil, saúde e benestar

18/04/2024

É unha actividade gratuíta destinada para maiores de 50 anos, en colaboración coa Rede Galega de Programa Universitarios para Maiores.

O proxecto “Mareas de Coñecemento” volve a Poio o mes de maio, con seminarios sobre pilates sénior, uso do teléfono móbil e saúde e benestar destinados para as persoas maiores de 50 anos. Son gratuítos, e as persoas interesadas xa se poden anotar no Pazo Besada ou no teléfono 986 872 401.

Este programa está subvencionado pola Xunta de Galicia e encádrase na Rede Galega de Programa Universitarios para Maiores. O obxectivo é favorecer o coñecemento, e inclúense tres seminarios que se impartirán en horario de tarde por profesorado da Universidade de Vigo.

O primeiro seminario versará sobre “Pilates Sénior”, e desenvolverase nunha única sesión o luns, 6 de maio, desde as 16.30 horas na Casa Rosada. Durante tres horas, os profesores da Facultade de Fisioterapia, Iris Machado e Gustavo Rodríguez, explicarán os beneficios que reporta esta actividade e impartirán unha sesión práctica.

“Uso do móbil como ferramenta tecnolóxica” impartirase os días 7 e 9 de maio, da man das profesoras da Facultade de Enxeñería Industrial de Vigo Amparo Rodríguez e María Rodríguez. Na primeira xornada, falarase do teléfono móbil, da súa configuración básica, e do uso de whatsapp para enviar mensaxes e facer videochamadas, así como doutras aplicacións para ler códigos QR e de banca electrónica ou de pago. O segundo día, centrarase noutras aplicacións útiles, como o calendario de vacinación e medicacións, petición de citas médicas ou localización de persoas, entre outras. Nos dous casos, as sesións desenvolveranse de 16.30 a 18.30 horas.

Por último, o terceiro seminario, “Saúde e Benestar”, desenvolverase os días 13 e 14 de maio, e como nos outros dous casos, tamén será na Casa Rosada. A primeira sesión será divulgativa, na que se explicará como a comida e o exercicio poden mellorar a saúde e a calidade de vida, e na segunda, realizarán unha ruta cardio-saudable entre as 16.00 e as 19.30 horas. Este seminario estará impartido polos profesores José Luis García Soidán, da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, e de Antonio Vázquez, do programa universitario de Maiores.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio