As Mareas de Coñecemento traen a Poio tres seminarios sobre saúde e fotografía para maiores de 50 anos

13/05/2026

É unha actividade gratuíta que se organiza en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia. As inscricións xa están abertas no Pazo Besada, ata completar as prazas dispoñibles.

O proxecto “Mareas de Coñecemento” volve a Poio con tres seminarios sobre saúde física e mental e fotografía, destinados para maiores de 50 anos e impartidos por profesores da Universidade de Vigo. É unha actividade gratuíta que se organiza en colaboración co Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo e da Xunta de Galicia, e as persoas interesadas en participar xa se poden anotar no Pazo Besada ou no teléfono 986 872 401 ata completar as prazas dispoñibles.

Trátase dun programa moi interesante para fomentar o envellecemento activo e dar reposta ás inquedanzas de todas esas persoas que queren seguir formándose e aprendendo da ciencia e da cultura independentemente da súa idade e, sobre todo, independentemente do lugar onde residan. Fóra das cidades, tendo a oportunidade de participar en iniciativas e propostas moi enriquecedoras. Todas as actividades desenvolveranse na Casa Rosada.

O primeiro seminario será “Aprende a salvar unha vida”, o 25 de maio de 16.30 a 19.30 horas. O obxectivo é dar a coñecer á poboación as técnicas básicas de soporte vital. É unha actividade eminentemente práctica na que se abordarán aspectos como as causas principais da parada cardíaca, os pasos básicos para actuar en caso de accidente, como comunicarse cos servizos de emerxencia, iniciar a reanimación cardiopulmonar ou como utilizar un desfibrilador externo semiautomático.

A actividade “Pilates sénior”, tamén cunha duración de tres horas, impartirase o 3 de xuño ás 16.30 horas. Inclúe unha sesión teórico-práctica con exercicio terapéutico específico para persoas maiores.

Por último, inclúese un “Taller de fotografía”, os días 9 e 11 de xuño, a partir das 16.30 horas, cunha duración total de 5 horas. Neste taller usarán fotografías antigas para espertar os recordos e exercitar a memoria, e tomarán imaxes para traer eses recordos ao presente. Ao longo da actividade, traballarán habilidades como a alfabetización visual, a creatividade, memoria, confianza e vínculos. Na primeira sesión, as persoas participantes deberán levar fotografías antigas cun valor afectivo para elas, e na segunda, sairán á rúa para tomar imaxes a través de cámaras ou móbiles.

Os tres seminarios son independentes entre si, cada persoa pode inscribirse na formación que lle resulte máis interesante. Ademais, en ningún caso son precisos coñecementos previos nin titulacións xa que son sesións moi prácticas, nas que se explican e resolven cuestións que afectan e poden ser moi útiles para mellorar a calidade de vida e o día a día das persoas participantes.

Poio participa no programa Mareas de Coñecemento desde finais de 2023, espertando grande interese entre a poboación máis maior e cunha participación moi alta.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio