O Concello de Poio asinou os novos convenios coas ANPAS dos colexios de Lourido, Isidora Riestra e Chancelas, que incrementa a 2 euros a subvención por alumno o día que faga uso do servizo.
As familias de Poio xa se beneficiarán este trimestre do aumento das axudas que outorga o Concello de Poio para o alumnado de infantil e primaria que fai uso dos comedores escolares que funcionan nos colexios do municipio. Unha subvención que se incrementa ata os 2 euros por usuario e día.
O alcalde, Ángel Moldes, que asinou esta mañá o novo convenio de colaboración con representantes das anpas San Xoán, do CEIP Isidora Riestra; A Gamela, do CEIP de Lourido; e O Xunqueiro, do CEIP Chancelas, destaca a aposta e o compromiso do Goberno local con medidas que axuden de xeito directo ás familias. “Para nós é unha prioridade apostar por medidas e iniciativas que contribúan a mellorar a súa calidade de vida e o seu benestar, e contribuír a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar é fundamental a día de hoxe”, sinala, Por iso, engade que “o noso compromiso con elas é firme”.
Esta axuda de 2 euros por neno e menú, compatible coas que reciben da Xunta de Galicia, permite reducir de xeito importante o prezo que abonan as familias por facer uso do comedor escolar, que ronda aproximadamente os 6,80 euros por menú e día. Neste momento hai preto de 200 nenos inscritos nos comedores, aínda que esta cifra é variable ao longo do curso dependendo das necesidades familiares en cada momento.
O pago, como ata o de agora, farase directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado.
Por último, Moldes pon en valor que ademais destas axudas, tamén contan con outro tipo de iniciativas para mellorar a vida das familias, como por exemplo, os espazos concilia que ofrecen máis de 1.000 prazas durante o verán, bonificacións no IBI para familias numerosas, a nova unidade de atención temperá con terapias totalmente gratuítas para as familias con nenos menores de 6 anos, novas zonas de ocio, lúdicas e deportivas, etc. “Sabemos que as familias necesitan espazos, servizos, iniciativas e medidas de apoio para mellorar a súa calidade de vida. E por iso, teñen o noso compromiso de que estamos traballando para facer de Poio un concello dinámico, de futuro e pensado para as familias”.