As escolas deportivas de Poio contan con 740 nenos inscritos

02/12/2024

Ángel Moldes visitou a Escola Deportiva de Ciclismo que se desenvolve na Reiboa. Os clubs reciben unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de funcionamento.

As Escolas Deportivas do Concello de Poio contan este curso con 740 nenos inscritos nas 14 modalidades deportivas que se ofrecen en colaboración cos clubes locais: desde fútbol e fútbol sala, ata balonmán, baloncesto, triatlón, ximnasia rítmica, tenis, ciclismo, taekwondo, piragüismo, caiac polo e bote dragón, atletismo, kick-boxing e rugby.

Unha cifra que se mantén con respecto ao curso pasado, e se incrementou en máis de cen nenos e nenas con respecto ao ano 2022, sendo a disciplina máis demandada o fútbol e fútbol sala, seguido do kick boxing, balonmán, ciclismo ou ximnasia rítmica.

O alcalde, Ángel Moldes, asistiu a un dos adestramentos da Escola deportiva de Ciclismo, que se desenvolve na Reiboa, e na que participan preto de 70 rapaces. “O deporte é fundamental para a rapazada, ofrécelles unha alternativa ao seu tempo de lecer ao mesmo tempo que contribúe a mellorar o seu benestar, facilita a socialización e fomenta outro tipo de valores”, destacou.

Ademais, recordou que o Concello de Poio asina un convenio anual cos clubs, aos que lles concede unha axuda de 100 euros por neno e curso para sufragar gastos de funcionamento de todas as Escolas Deportivas. Unha axuda que se incrementa no caso de nenas e nenos das familias de Poio con menos recursos e cuxa situación estea acreditada polo departamento de Servizos Sociais. Neses casos están eximidos de pagar as cotas de inscrición ao darse de alta nalgunha destas modalidades, cotas que asume a maiores o Concello de Poio.

“Este goberno aposta de xeito claro polo deporte, non só coa celebración de eventos deportivos ou ampliando e mellorando as instalacións deportivas municipais, tamén o fai apoiando a base”, engadiu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio