As obras comezarán a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, no mes de setembro, e terán como principais obxectivos garantir a accesibilidade, dar prioridade ao peón e fomentar hábitos saudables.
O Concello de Poio xa ten aberto o prazo para que as empresas interesadas presenten as súas ofertas para executar a reurbanización da PO-308, na Barca, que conta cun investimento de 1,7M€ e que vai permitir transformar unha das entradas ao municipio.
Tras publicar o anuncio no perfil do contratante, o prazo para presentar as propostas estará aberto ata o luns 30 de xuño. A adxudicación farase a través dun procedemento aberto simplificado.
Esta é a primeira fase da humanización, que inclúe traballos entre a Ponte da Barca e o punto quilométrico 0+480, no Casal de Ferreirós, a través dun convenio asinado entre o Concello de Poio e a Xunta de Galicia.
As obras comezarán a executarse a partir do paso de La Vuelta por Poio, no mes de setembro, e prolongaranse aproximadamente durante un ano. Os traballos terán como principais obxectivos garantir a accesibilidade, dar prioridade ao peón e fomentar hábitos saudables. En concreto, entre outras accións, reordenarase o espazo público coa renovación do firme e pavimentación de beirarrúas; crearanse aparcadoiros, zonas de carga e descarga e estacionamento para persoas con mobilidade reducida; e instalaranse zonas axardinadas e mobiliario urbano.
Ademais deste proxecto, neste momento o Concello de Poio tamén ten abertos outros procesos de licitación, entre eles a adxudicación da humanización entre Casalvito e O Padrón, a remodelación do parque infantil de Ánkar e a mellora do saneamento na Caeira a través dun convenio coa promotora Zoe Home e o Club de Tenis. A maiores, están executando xa as obras para pavimentar e crear unha senda peonil e carril bici entre Chancelas e Combarro, así como a substitución da cuberta na nave de piragüismo de Combarro.