Arranca a I edición de TapeaPoio, con once establecementos participantes e 6.000 euros en premios para hostaleiros e clientes

03/10/2024

Ata o 13 de outubro veciños e visitantes poderán degustar e votar as propostas gastronómicas de máis dunha decena de bares e restaurantes repartidos por todo o Concello, a un prezo único de 4 euros.

Arranca a I edición de “TapeaPoio”, o primeiro certame de tapas de Poio coa participación de once establecementos de todo o municipio. Desde o mediodía deste xoves, día 3, e ata o 13 de outubro veciños e visitantes poderán degustar e votar as propostas gastronómicas de máis dunha decena de bares e restaurantes, a un prezo único de 4 euros.

A iniciativa, organizada polo Concello de Poio, coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, así como de numerosas empresas locais, busca dar un impulso ao sector fóra da tempada alta, poñendo en valor o talento culinario local, dinamizando a economía e consolidando a proxección de Poio como unha referencia gastronómica, nas Rías Baixas e en Galicia.

O alcalde Ángel Moldes convida a veciños e visitantes a participar nesta iniciativa e percorrer os establecementos participantes para probar as súas propostas. “TapeaPoio vai permitir dar a coñecer a calidade da hostalería de Poio ao mesmo tempo que se dinamiza e enche de vida o noso concello con propostas atractivas e de calidade”.

Pola súa banda, a edil de Turismo, Rocío Cochón, quere que esta iniciativa sexa “un impulso máis para poñer en valor o sector fóra dos meses de verán”. Agradeceu a implicación de hostaleiros e colaboradores, que permitirá dar uns premios valorados en cerca de 6.000 euros, o que sen dúbida será un estímulo adicional para que a xente veña desfrutar da nosa oferta gastronómica”. Cochón quixo recoñecer “o traballo diario dos nosos hostaleiros e restauradores”, grazas aos que Poio é “un destino Gourmet”, por calidade e diversidade.

Moldes e Cochón agradecen especialmente o respaldo dos chefs Pepe Solla, de “Casa Solla”, e Xosé Cannas, de “Pepe Vieira”, responsables de que Poio sexa, desde hai máis de 15 anos, o concello con máis estrelas Michelín de Galicia, e tamén o de empresas como Froiz, Pescamar, Mar de Ons, Pelegrín… puntais económicos en distintos sectores, en ocasións referencia mundial “desde Poio”.

“Poio é único, e hoxe comezan dez días nos que o imos seguir demostrando con TapeaPoio, unha aposta polo talento culinario local que sitúa Poio no epicentro da gastronomía galega”, finalizou.

6.000 EUROS EN PREMIOS PARA PÚBLICO E HOSTALEIROS

O certame repartirá premios valorados en 6.000 euros entre clientes e restauradores.

Logo de degustar cada tapa, os clientes poderán valorala e votar mediante un código QR exclusivo de cada local. A partir do día 13, recontaranse os votos para outorgar o primeiro, segundo e terceiro premio á “Mellor Tapa”, con premios consistentes nun cheques de 1.500 euros, 900 euros e 500 euros respectivamente. Estes premios están aportados pola empresa Froiz e serán canxeables no “Cash & Carry Froiz”, a canle da distribuidora para profesionais. Ademais, os restauradores recibirán unha placa de recoñecemento.

Ao rematar o certame, sortearanse tamén premios entre todos os clientes que participasen nas votacións. Poderán gañar menús degustación en Pepe Vieira e Casa Solla, 3 cestas de supermercados Froiz, 5 Estuches Gourmet de Conservas Pescamar, pasaxes en Cruceiros Pelegrín e Naviera Mar de Ons e bonos de estancia e almorzo nos aloxamentos Hotel Villa Covelo e RD Hotel Apartamento.

O certame tamén conta coa colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra.

Toda a información pódese consultar en tapeapoio.gal.

11 ESTABLECEMENTOS, 11 PROPOSTAS GASTRONOMICAS PARA TODOS OS PADALES

Os establecementos participantes son:

  • Restaurante Casa Angelita (Lourido), coa tapa “Potaxe de garavanzos”
  • Eirado das Margaridas (Liñares), cun “Croquetón de Xamón Ibérico e Polbo sobre base de Puré de Triguero e Crocante de Pataca”
  • Bar Terraza, na Barca, coa tapa “Fabes ao Montañés”
  • Ninkasi, na Avda. San Xoán, coa tapa “Non Cho Digo”
  • Café-Bar Aquelo, na Reiboa, coa tapa “Delicia do Mar”
  • Restaurante “Pinela Terraza”, coa tapa “Mexillón Ramallo de Mar”
  • Restaurante o Peirao, en Combarro, coa tapa “Sardiña á Brasa con Pementos de Padrón e Pan de Millo”
  • A Tres Nudos, en Combarro, coa tapa “Tosta Campechana”
  • A Bodega O Bocoi, en Combarro, coa tapa “Mar e Terra”
  • O Recuncho do Lolo, no Covelo (Samieira), coa tapa “O Pulpiño do Lolo”
  • Restaurante Lameiriña, en Raxó, coa “Carrilleira ao estilo de Papá”

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio