Aprobado inicialmente o Orzamento municipal para 2026, que supera os 16M€

10/01/2026

Blinda os servizos sociais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias. “Este orzamento non só fala de números ou de obras; fala tamén de persoas, apostando por investimentos de futuro e pola atención social”, destaca Ángel Moldes. O Goberno pon en valor a redución da débeda cos bancos nun 40% desde 2023, pasando de 8 millóns a 4,8 millóns, o que supón un aforro de 228.000 euros en xuros en 2026.

O pleno municipal aprobou inicialmente esta noite o Orzamento do Concello de Poio para 2026, unhas contas que superan os 16 millóns de euros e que destacan pola súa forte aposta polos servizos sociais, os investimentos transformadores e as medidas de alivio fiscal dirixidas ás familias.

“Estamos ante unhas contas sólidas, responsables e realistas, que permiten garantir o funcionamento e a calidade dos servizos municipais e, ao mesmo tempo, seguir impulsando proxectos que transforman Poio para mellor”, sinalou o alcalde, Ángel Moldes, durante a súa intervención.

Seguindo explicou, o orzamento blinda o servizos sociais e o funcionamento de programas municipais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias. “Este orzamento non só fala de números ou de obras; fala tamén de persoas. Apostamos por investimentos de futuro e pola atención social, demostrando que é posible avanzar sen deixar a ninguén atrás”:

Neste senso, o Orzamento de 2026 xa inclúe a rebaixa do tipo do Imposto de Bens Inmobles do 0,47 ao 0,43, unha medida que supón unha redución de ingresos municipais de preto de 250.000 euros. Ademais, conxélase o resto de impostos e taxas municipais. “Gobernar é saber escoitar e responder ás necesidades reais da veciñanza e cumprir cos compromisos que adquirimos con eles”, engadiu.

MENOS DÉBEDA E MÁIS INVESTIMENTO

O Goberno local puxo tamén en valor a xestión económica realizada desde 2023, que permitiu reducir a débeda cos bancos nun 40%, pasando de 8 millóns a 4,8 millóns de euros. Esta redución suporá un aforro de 228.000 euros en xuros no ano 2026.

Ademais, con respecto á operación de crédito que vai permitir incorporar investimentos para reformar a pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, así como repoñer o firme e mellorar o camiño Pedaporta, en Combarro, sinalou que, como xa se fixo este ano, a intención do Goberno é amortizar a débeda por unha cantidade igual ou superior cos remanentes de tesourería que se obteña da liquidación de 2025. “Un uso estratéxico para maximizar os investimentos sen comprometer a liquidez”, engadiu.

Tamén se contempla a aportación municipal dos convenios coa Xunta relativos ao novo bombeo e depósito de retención na Seca e á anualidade 2026 da reurbanización da PO-308. A maiores, o orzamento aumenta en 224.000 euros o plan de desbroces municipais por todas as parroquias, que en 2026 chegará aos 572.000 euros.

“Estes investimentos vanse ver reforzados grazas a convenios e financiamento doutras administracións, froito dun traballo serio, planificado e constante, posible porque Poio conta con proxectos estables, maduros e ben definidos”, indicou.

O orzamento cumpre cos principios de estabilidade e equilibrio e constrúese sobre criterios de prudencia financeira, baseados na recadación do exercicio presente. Trátase dun orzamento serio, responsable e planificado, propio dun Goberno único centrado en mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e en impulsar investimentos que transformen Poio.

“É o reflexo dunha xestión rigorosa e dun esforzo continuado por parte do Goberno local, cun obxectivo claro: seguir avanzando para converter Poio no mellor lugar para vivir, para traballar e tamén para investir. Non falamos de promesas, falamos de feitos e de proxectos que xa están en marcha ou preparados para executarse”, sinalou Moldes durante a súa intervención.

FORTE APOSTA POLOS SERVIZOS SOCIAIS

Por áreas, Benestar Social ascende a 1,6M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, axuda no fogar, Educación Familiar, Centro de Información á Muller, Atención Temperá, Emerxencia Social… Para cultura, educación e festexos, destínanse 1,4M€ para a programación anual do Concello de Poio, o mantemento dos centros de ensino e das instalacións municipais, axudas para os comedores, plan músico cultural, a organización de eventos lúdicos e festas, entre outros. Deportes conta con 720.500€, nos que se continúa apostando polo deporte base, o mantemento das instalacións, organización de eventos deportivos… Mantéñense tamén as axudas e subvencións a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais, veciñais… para organización e desenvolvemento de actividades ao longo do ano, que se outorgan tanto por concorrencia competitiva como de xeito directo e que amosan o apoio deste Goberno a todo o tecido asociativo do concello, fomentando a igualdade, equidade e participación.

No caso de Medio Ambiente, o orzamento inclúe unha partida de 550.000€; para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,8M€; e para seguridade, superan os 900.000 euros. O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior (7,8M€ e 4,9M€), para garantir así a prestación e a calidade de todos os servizos públicos municipais.

“En definitiva, presentamos un orzamento que garante estabilidade, impulsa o progreso e protexe ás familias, cun único obxectivo: un Poio con máis oportunidades, máis servizos e maior calidade de vida para todos e todas”, concluíu Moldes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio