A Comisión de Urbanismo dá luz verde á reanudación das obras tras o visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio e meses de traballo técnico e institucional para desbloquear o proxecto, paralizado desde hai quince anos. A reanudación das obras permitirá completar o proxecto cos edificios restantes, eliminar as estruturas inacabadas, mellorar a imaxe e a seguridade na zona e seguir ampliando o parque de vivenda.
A Comisión de Urbanismo do Concello de Poio vén de aprobar a licenza para a reactivación das obras de construción dos edificios número tres e catro da Urbanización Pazo Besada, en Andurique, que levaban paralizadas quince anos, e que suporán a creación de 52 novas vivendas.
A autorización, que será ratificada nos próximos días pola Xunta de Goberno Local, vén despois da resolución favorable da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta e meses de reunións de responsables municipais con promotores e técnicos para desatascar este expediente.
Orixinalmente, pretendíanse edificar 150 vivendas e garaxes distribuídos en tres fases. A primeira fase e a segunda fase completáronse en 2010 e 2013, quedando a terceira sen rematar. A reanudación das obras permitirá completar o proxecto cos edificios restantes, eliminar as estruturas inacabadas e mellorar así a imaxe e a seguridade na zona, e en todo San Salvador, pero especialmente para os veciños e usuarios do propio Pazo, que acolleron a noticia de forma moi positiva.
Comprobouno a concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, que visitou a urbanización para comprobar o estado actual dos esqueletos sen rematar e expresou a satisfacción porque “sempre é unha boa noticia poder informar de que un proxecto tan agardado volve poñerse en marcha“.
Cochón destacou que a finalización da Urbanización vai ser moi beneficiosa “tanto para os actuais residentes na Urbanización como para a veciñanza da contorna e de todo San Salvador”, ademais de supoñer un impulso “económico e social, con empregos, actividade e espazo para que novos veciños formen un fogar”.
Nese sentido, destacou que só nestes últimos dous anos tramitáronse novas licencias e reactiváronse proxectos abandonados, o que está facendo posible a dotación de 240 novas vivendas en San Salvador. Ademais, o Concello tamén traballa coa Xunta de Galicia na determinación de solo para ampliar o parque de vivenda pública.
Finalmente, Cochón subliña o esforzo do Goberno local para que Poio se consolide como un concello mellor para vivir, traballar e investir: “Intentamos ser cada vez máis áxiles nos trámites urbanísticos para particulares, autónomos e empresas; ter a porta aberta a veciños, administracións e sociedades, colaborando con todos, baixar impostos ás familias e mellorar servizos e infraestruturas”.
Finalizou destacando que Poio agradece a confianza que están a depositar cada vez máis proxectos empresariais e de vida: “Atraemos novos veciños, novas empresas e investimentos, e o urbanismo ten un papel determinante nese atractivo. Un urbanismo responsable e pensado para todos”.