“Para o Goberno o mantemento dos centros escolares é unha prioridade, e por iso estamos en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen”, sinala Ángel Moldes.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, percorreron os centros escolares de infantil e primaria do municipio para comprobar as melloras realizadas durante os meses de verán, entre as que se inclúen obras de carpintería, pintura, albanelería, fontanería, electricidade e outros traballos de mantemento “para que a volta ao colexio se realice nas mellores condicións”, sinala o alcalde. A maiores, inclúense labores de xardinería, revisión das caldeiras de calefacción para poñelas a punto cara o prendido no inverno e tamén a limpeza xeral de todo o centro.
Nesta liña, Moldes asegura que o Concello de Poio continúa traballando e colaborando coa comunidade educativa para dar resposta ás peticións e prioridades que trasladou cada centro escolar, unha colaboración que non é puntual para os meses de verán, senón que se vén realizando tamén durante todo o curso. “Para o Goberno o mantemento dos centros escolares é unha prioridade, e por iso estamos en permanente contacto coas directivas dos centros e coas anpas para ir solucionando as principais deficiencias e problemas que teñen”.
Así, no colexio Isidora Riestra, en colaboración co centro, as actuacións incluíron limpeza e pintado do exterior do edificio. A maiores, o concello tamén pintou varias aulas que quedaron pendentes o curso pasado, e así completar o cento por cen das clases. A maiores, tamén se mellorou o peche exterior, que limita entre o centro e o parque da Reiboa, con base de pedra, valado de malla e novas luminarias.
En Chancelas, substituíronse as portas de todas as aulas, que estaban danadas polo parasito do caruncho, unha intervención “necesaria para dar solución a problema que leva anos afectando ao centro e que levaban anos demandando profesores e familiares”.
Neste plan de melloras tamén se incluíu a mellora dos parques do CEIP de Viñas e do colexio infantil do Bao. No primeiro caso, arranxáronse todas as pezas do espazo, que inclúe estrutura con tobogán e cordas, balancíns e casa de xogos. No caso do Bao, substituíronse tanto as pezas como o solo do parque.
No CEIP de Lourido, pintáronse as aulas e arranxáronse os tres aseos das aulas de infantil, que están na planta baixa do centro coa colaboración da Xunta de Galicia. As obras consistiron en demoler os actuais alicatados, desmontar o sistema de fontanería, así como os aparatos sanitarios e as baldosas para a súa posterior reposición. Ademais, cambiáronse as portas e substituíuse a tubaxe de fundición, moi deteriorada polo tempo, por unha nova acometida de abastecemento de auga. Por último, creouse tamén un acceso directo ao baño desde a aula de 3 anos para evitar que o alumnado teña que saír da clase.
No CEIP Espedregada, en Raxó, xa actuaron durante o curso para eliminar as filtracións de auga que había no ximnasio. Unhas melloras que se levaron a cabo con fondos propios, e que consistiron en cortar o ladrillo nas xuntas do tellado entre o colexio e o ximnasio, para colocar unha solera de aluminio que evitará que siga filtrando auga. A maiores, tamén se selaron as ventás dese lateral, actuacións que melloraron de xeito notable o illamento da instalación.
Por último, na Escola Infantil A Galiña Azul, tamén a finais deste curso ampliouse a zona verde, o que lle permite dispoñer xa do seu propio horto ecolóxico. Esta era unha das demandas prioritarias do centro, que desde hai anos tiña solicitado dispoñer de máis espazo exterior para poder ampliar as zonas ao aire libre con novas propostas para o seu alumnado. Deste xeito, o Concello cedeu unha parte do xardín que hai na contorna do centro e ocupouse de ampliar o valado de seguridade. A maiores, tamén mellorou a seguridade do centro coa instalación dun sistema de alarma.