Yagub, Rugaia e Hamdi, que estarán coas súas familias de acollida ata principios de setembro, disfrutan estes días das actividades do Espazo Concilia de Viñas.
Yagub, Rugaia e Hamdi son tres menores saharauis que están pasando o verán en Poio con dúas familias de acollida, coas que permanecerán ata principios de setembro. Durante a súa estancia, participan tamén nas actividades que se desenvolven no Espazo Concilia que o Concello de Poio organiza no CEIP de Viñas. Precisamente, ata alí se desprazaron esta mañá o alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, para entregarlle uns agasallos e dárlle a benvida ao municipio.
Tanto Yagub, de 10 anos, como Rugaia e Hamdi, de 9 anos, repiten experiencia en Poio. Tal e como comentaron as súas familias, pouco a pouco vanse familiarizando co idioma e xa están moi adaptados. Durante a súa estancia aproveitan para coñecer diferentes lugares de Poio e pasar moito tempo de lecer, pero tamén para facer as súas revisións médicas. Pero, o máis importante, sinalan é que este programa lles dá a oportunidade de gozar dun verán agradable, lonxe das temperaturas extremas dos meses de xullo e de agosto con máis de 50º á sombra, e coñecendo formas de vida distintas, algo que contribúe tanto á súa formación, como a mellorar e potenciar a comunicación e o entendemento entre pobos.
O Concello de Poio colabora co programa Vacacións en Paz e con estas familias acolledoras. O obxectivo deste programa é promover valores de tolerancia e solidariedade, facilitando así a convivencia e integración, fomentar a aprendizaxe da lingua castelá e galega que estudan nos seus programas escolares e ofertar unha alternativa de ocio e tempo libre.