Ángel Moldes traslada a Portos a prioridade do Goberno para mellorar o acceso ao peirao de Covelo

26/05/2025

Sinala que é necesario establecer un cronograma para actuar na humanización, que permita dar prioridade aos peóns, mellorar a convivencia co tráfico rodade e a seguridade, ao mesmo tempo que se potencia o atractivo deste lugar.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, traslada a Portos de Galicia o interese prioritario do Goberno local para mellorar o acceso ao peirao de Covelo, en Samieira. Nunha reunión co presidente do ente, José Antonio Álvarez, o rexedor salientou que é necesario establecer un cronograma para actuar na humanización, que permita dar prioridade aos peóns, mellorar a convivencia co tráfico rodado e a seguridade, ao mesmo tempo que se potencia o atractivo deste lugar.

Así, no encontro acordaron solicitar a costas un informe de estratexias mariñas para poder mellorar as rampas, e analizaron ademais as actuacións necesarias para iniciar a redacción dun proxecto real para atender as necesidades do lugar.

Moldes agradeceu “o bo entendemento e dispoñibilidade de Portos de Galicia para chegar a unha actuación consensuada para acondicionar e transformar este espazo”.

Durante o encontro, o alcalde salientou que para o Goberno local é prioritario dar maior protagonismo a toda esta zona e poñela en valor, e por iso desde todas as concellerías trabállase de xeito coordinado para conseguilo. Neste senso, recordou que o ano pasado conseguiuse, por primeira vez, o distintivo Sendeiro Azul para a Senda do Laño, un dos enclaves naturais máis importantes de Samieira e do municipio, ademais de ser un itinerario moi popular entre veciños e visitantes, e ao que se accede desde o Peirao de Covelo. Ademais, tamén desde o verán pasado, o Concello de Poio conta cun aparcadoiro disuasorio gratuíto nesta zona, e estanse tramitando modificacións urbanísticas que permitirán recuperar edificacións nesta contorna.

“Estamos dando pasos claros, comprometidos e importantes para poñer en valor toda a zona”, asegurou Moldes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio