Ángel Moldes: “Se o noso pobo ten presente é grazas a persoas coma estas mulleres e se ten futuro será tamén polo camiño que elas abriron”

06/03/2026

Mari Carmen Pazos García, Carmen Soto Buceta, Susa Vicente Pérez, Rosalina Gómez Pereira e Magdalena Rosales Pazos, cinco veciñas do municipio, unha de cada parroquia, que ao longo da súas vidas se converteron en referentes de fortaleza, superación e valentía.

O Concello de Poio rendeu homenaxe esta tarde a Mari Carmen Pazos García, Carmen Soto Buceta, Susa Vicente Pérez, Rosalina Gómez Pereira e Magdalena Rosales Pazos, cinco veciñas do municipio, unha de cada parroquia, que ao longo da súas vidas se converteron en referentes de fortaleza, superación e valentía.

“Cinco mulleres e cinco referentes que representan o traballo constante, a xenerosidade, a capacidade de estar sempre, a forza e o exemplo que deixa pegada nas persoas que as rodean. Cada unha delas, coa súa historia, co seu camiño e coa súa maneira de ser, contribuíu a abrir portas e facer de Poio un concello mellor”, subliñou o alcalde, Ángel Moldes.

Foi no Pazo Besada, durante o acto central “Mulleres que fan Poio”, organizado para conmemorar o Día Internacional da Muller e que contou coa asistencia da concelleira de Benestar e Igualdade, Natividad Torres, outros membros da corporación, familiares e representantes dos colectivos locais, entre outros.

“Se o noso pobo ten presente é grazas a persoas coma estas mulleres, e se ten futuro será tamén polo camiño que elas abriron para as xeracións que veñen”, asegurou o alcalde. Por iso, engadiu, “é tan importante que as novas xeracións teñan referentes reais, persoas ás que mirar e nas que recoñecer valores como o esforzo, a superación, a honestidade, o compromiso…”.

Por último, recordou que “o feminismo non debe sentirse como unha ameaza, é simplemente a defensa da igualdade e unha oportunidade para construír unha sociedade máis xusta e libre. Porque cando avanzamos en igualdade, avanza toda a sociedade”.

CINCO MULLERES, CINCO HISTORIAS DE VIDA

Durante o acto proxectouse o documental elaborado polo xornalista Quique Morales, que recolle fragmentos das vidas destas cinco mulleres: historias de loita, de traballo e de dignidade. Historias de mulleres que aprenderon a levantarse, a dicir basta cando foi necesario e a seguir adiante con valentía, usando —como di o propio documental— ollos, mans, cabeza e corazón para continuar facendo vida.

Magdalena Rosales Pazos, veciña de Raxó, é unha muller incansable que coñece ben o que significa o esforzo. Comezou a traballar con apenas 13 anos nas bateas, nun tempo no que o traballo no mar era moito máis duro e manual que hoxe, e no que cada xornada esixía forza e sacrificio. Cobraba entón 18 pesetas e desprazábase en chalana para gañar o seu sustento. Ao longo da súa vida tamén traballou nunha fábrica e, como peixeira, percorreu durante anos as rúas do municipio. Unha vida marcada polo traballo constante, dentro e fóra da casa.

Rosalina Gómez Pereira, de Samieira, é unha muller apaixonada pola vida. Durante 43 anos traballou como celadora no hospital, pero sempre tivo outras paixóns que lle deron sentido ao seu camiño: o atletismo e o teatro. Cando os seus fillos xa eran maiores decidiu cumprir un soño e subirse aos escenarios, onde hoxe segue espertando sorrisos e facendo gozar ao público. Sempre foi, como ela mesma di, a “ovella negra” da familia polos seus pensamentos e pola súa maneira libre de ver a vida. Ademais, destaca polo seu compromiso social, participando de maneira altruísta e constante en múltiples iniciativas solidarias.

Carmen Soto Buceta, natural de San Xoán, medrou nun tempo no que o traballo no campo marcaba o ritmo da vida e as oportunidades educativas eran escasas. O seu soño era ser costureira, pero as necesidades da familia fixeron que desde moi nova tivera que axudar nas tarefas do fogar. Co paso dos anos conseguiu abrir o seu propio negocio, A Caraina, que comezou como tenda e acabou converténdose tamén nunha taberna e máis tarde nun supermercado. Muller xenerosa, boa conversadora e sempre disposta a axudar, nunca perdeu o vínculo coa terra e cos animais, que seguen formando parte da súa vida.

Mari Carmen Pazos García é unha muller forte, decidida e cun carácter que deixa pegada en quen a coñece. Comezou a traballar con 13 anos, nunha peluquería, e ao longo da súa vida desempeñou distintos oficios, moitos deles ligados tamén ao coidado das persoas. Naceu nunha época marcada por outra mentalidade, pero pouco a pouco foi construíndo unha vida máis libre e tranquila, incluso cambiando formas de pensar no seu propio entorno. Comprometida co movemento veciñal do Bao, presume con orgullo de que moitas das iniciativas que alí naceron foron impulsadas por mulleres.

Susa Vicente Pérez é a redeira máis antiga de Poio e un exemplo de fortaleza e capacidade de superación. A vida púxolle por diante momentos moi duros, pero soubo recompoñerse sempre coa mesma determinación. Ao longo dos anos compaxinou o oficio de redeira co de mariscadora, transmitindo este saber artesanal ás xeracións máis novas. Muller de emigrante, enviuvou con só 50 anos e tivo que asumir en solitario a responsabilidade de sacar adiante a súa familia, conciliando a crianza cos traballos da casa, do campo e do mar. O maior legado que deixa aos seus é a unión, o esforzo e o amor por riba de todo.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio