O alcalde de Poio, Ángel Moldes, recibiu esta semana na Casa do Concello a Óscar Viñas Pazos, deportista poiense de 16 anos que competiu a pasada fin de semana no Campionato do Mundo de Muay Thai ISKA, en Madrid.
Viñas chegou ao Mundial tras proclamarse campión de España de muay thai ISKA e campión galego de K1 na categoría xuvenil. O mozo leva varios anos practicando artes marciais, dous deles dedicados ao muay thai.
Na recepción, na que tamén participou o concelleiro de Deportes, Cándido Muíños, o alcalde felicitou a Viñas e destacou o valor do deporte como hábito saudable e como forma de fomentar o respecto, o esforzo e a constancia.
Moldes lembrou que Poio é cuna de grandes clubs e deportistas e engadiu: “Cada un dos vosos avances é un motivo de orgullo para o voso concello”.